Presas sinala ao BNG como garantía de que a sanidade pública e de proximidade sexa un dereito

O BNG critica a visita de Feijóo á comarca de Monterrei despois de ter pechado a sala de partos de Verín e recibir como resposta a multitudinaria mobilización social

Publicidade

AUDIO

A candidata do BNG, Noa Presas, mantivo unha xuntanza coas veciñas e veciños de Albarellos (Monterrei) despois de coñecer que a Xunta de Galiza non está ofrecendo o servizo sanitario necesario no Centro de Saúde. Presas puxo en valor a necesidade dun cambio político galego onde a atención sanitaria sexa un ben público e de proximidade e se conciba como un dereito para toda a veciñanza. Asemade, criticou a visita do candidato popular á comarca de Monterrei por esquecerse de que foi un pobo que saíu a rúa por ter pechado a sala de partos.

Durante a concentración levada a cabo diante do Centro de Saúde en Albarellos, a cabeza de lista do BNG ao Parlamento de Galiza por Ourense, puido escoitar ás veciñas e veciños que se estaba a concentrar. Para a formación nacionalista, esta mobilización defende algo “tan básico” como que a médica que ten a praza neste Centro de Saúde poida ofrecer os servizos á poboación. “A profesional que atendía este Centro de Albarellos volva ao seu posto de traballo que é onde ten a praza”.

“É indignante que nestas alturas e coa crise do coronavirus, este Centro de Saúde non estea funcionando” apuntou Presas durante a conversación. Así mesmo, mostrou o apoio da formación nacionalista ás veciñas e veciños de Albarellos e reivindicou unha Atención Primaria de calidade a partir do vindeiro 12X tras 11 anos de desmantelamento dos servizos públicos levados a cabo polo Partido Popular na Xunta de Galiza.

Lembrar para non esquecer o desmantelamento do PP

Por outra banda, a cabeza de lista por Ourense, criticou a visita de Feijóo a Verín. “Que veña Feijóo de paseo a Monterrei sen ver cal é a realidade de 11 anos de Partido Popular no territorio: teñen depauperada a asistencia sanitaria primaria” destacou Presas.

Asemade, lembrou que o PP debería “ter aprendida a lección” porque este “é un pobo que non se resigna e que sae a rúa como demostraron cando loitaron polo paritorio de Verín”. Para a candidata nacionalista “urxe un cambio político” co BNG liderando o goberno e onde a sanidade sexa próxima e pública “concibíndoa como un dereito que ten que estar garantido por parte da administración galega”.