Nos pasados días deuse a coñecer o documento que recolle os pagamentos extraordinarios en concepto de produtividade do primeiro semestre do ano 2020 para os traballadores do Concello do Carballiño. Esta partida ascende a máis de 6000 € é repartida polo alcalde e os concelleiros do grupo de goberno ao seu criterio. No documento de proposta o goberno local fala da necesidade de recoñecer o esforzo a todos os traballadores que fixeron un esforzó extra durante a cuarentena. Espazo Común premia este argumento, pero non a súa execución. Aseguran que non se tiveron en conta departamentos que estiveron ó pé de rúa durante esta etapa coma os varredores e que demandarán un pago complementario, mantendo os pagos actuais e engadindo ós discriminados.
O caso dos varredores, segundo a formación, faise especialmente grave pois a pesares da regularización salarial de hai tres anos, os operarios de limpeza viaria seguen a ser os peor remunerados da plantilla municipal.
A formación asegura que unha vez máis faise complicado entender os criterios dun goberno desnortado que toma decisións incomprensibles que raian o absurdo.
No vindeiro pleno deste mes de xullo, Espazo Común demandará que se corrixa esta inxustiza e que se elabore unha orde complementaria que subsane esta incomprensible decisión, facendo un pago a estes departamentos, mantendo o resto tal como estaban.