A MIT baixa o telón en Ribadavia e entrega o Premio Abrente

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A MIT pecha unha edición histórica, coa ocupación do 100% dos aforos, unha excelente acollida e a posta en valor da coherencia do seu programa malia os condicionantes e as dificultades engadidas polo protocolo de seguridade e prevención sanitaria derivadas da pandemia da COVID-19. Nunha rolda de prensa celebrada na Alameda de Ribadavia recoñeceuse a resposta entusiasta do público, a consolidación do festival como un alento de calidade e referencia indiscutible para a sociedade e a economía e a excelente coordinación do equipo do festival.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

De xeito simbólico, a MIT rematou pola mañá cun encontro coa asociación DramaturGA e a presentación dos libros de pezas breves de varias autoras e autores galegos e tamén o libro sobre teorías queer Nxs, as inadaptadxs, de Através Editora, unha constatación da aposta pola creación actual e a perspectiva interdisciplinar da arte e da intervención social. Tamén, de xeito simbólico, ás 19h deste mesmo día (12h hora mexicana) a MIT quere poñer en marcha a edición número 37, a MIT 2021 comeza cun encontro coa compañía mexicana Los Colochos arredor da súa versión de Otelo de Shakespeare titulada Silencio. É un acto simbólico porque supón a apertura da fiestra internacional da MIT paralizada por esta edición especial, de esperanza nun futuro pospandemia e de reafirmación da capital teatral de Galicia como reunión e aprendizaxe, experiencia e comunidade arredor da calidade e diversidade escénica do máximo nivel trazando sempre pontes, dende a raíz galega ata todos os puntos da vangarda internacional.

A MIT agradece todo o apoio recibido, as mensaxes de ánimo e o acompañamento para facer posible unha transmisión ao mundo da xestión impecable en tempos difíciles, con incertidume pero con responsabilidade e mantendo o criterio a pesar de todo. Un festival non é só unir e seleccionar espectáculos, como indicou o seu director na rolda de prensa, un festival é elaborar un discurso, visualizar ideas, estéticas, cuestións e inquedanzas arredor do territorio e dos motores do cambio e da trasformación social. A danza e o teatro lembraron que o feminismo, a igualdade, as novas masculinidades, a memoria, o ecoloxismo, os coidados e a cultura en rede comunitaria son o feito máis sostible de constatar a recuperación e o progreso dun festival que non se paraliza, porque axita a nosa alma, o entusiasmo e tamén as mentes apáticas. Un festival con selo de distinción que mantén vivo o pobo, porque nos conmove, nos cuestiona e nos sorprende, que traza o seu propio camiño ao lado da xente e dos afectos.

ACTA DO XURADO DO 15º PREMIO ABRENTE

Reunido o Xurado do 15º Premio Abrente da MIT Ribadavia o día 27 de xullo de 2020 e composto por Fina Calleja (actriz), Rosa Puga (actriz), Fernando González (actor) e presidido polo Director da MIT de Ribadavia, Roberto Pascual,

Declaran por unanimidade como gañador o texto titulado “O tsunami”, presentado baixo o pseudónimo de “Núñez”. Unha vez aberta a plica, resólvese como gañador o autor Marcos Abalde Covelo.

A lectura deste texto supuxo a descoberta dunha voz propia que rescata da memoria un acontecemento real (a construción dun encoro artificial na explotación mineira das Pontes, o lago artificial máis grande de Europa, que se fixo para rexenerar unha antiga explotación de lignito) co que o autor é quen de construír unha reflexión tamén sobre a actualidade, descarnada, crúa, grotesca, sucia e decadente.

“O tsunami” fai que a persoa lectora galega se sinta recoñecida e parte dese universo que presenta o espello desta peza, un espello que devolve unha imaxe deformada e que esperta unha perversa e nada compracente comicidade, sen perder por iso a forza do carácter poético, metafórico e simbólico.

Malia a referencia concreta e local, o texto é absolutamente poderoso para reflexionar sobre asuntos universais coma o caciquismo, as relacións materno filiais, as relacións laborais e sociais, camiñando dende o ámbito cotián das persoas ao colectivo de cuestións medioambientais e o fatalismo das consecuencias do capitalismo descarnado.