A Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar (Termatalia) pechou as súas portas converténdose ata agora na edición máis profesional, cunha bolsa de contratación na que participaron 28 touroperadores líderes do mercado nos seus países de orixe. Asemade, nesta 22ª edición celebrouse o quinto Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, que reuníu a 30 expertos e convocou a 500 asistentes entre presenciais e ‘on line’, de xeito que ‘Termatalia 2024’ clausurouse despois de ter convocado a 100 expositores e recibido a máis de 4.000 visitas de profesionais de 25 países.
O acto de clausura de Termatalia estivo presidido polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que estivo acompañado polo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo; o xefe da área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, e o vicerreitor do Campus da Auga, Francisco Javier Rodríguez.
O director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, encargouse da introducción.
O presidente do Parlamento referíuse ao observatorio termal.
E como xa é habitual dende hai varias edicións, Termatalia conclúe entregando a testemuña ao país que a acollerá o ano vindeiro, xa que, dende 2012, a feira alterna cada ano a súa sede entre Ourense e América. Deste xeito, a edición de 2025 celebrarase en Colombia. O alcalde e a directora do Instituto Termal de Paipa, Germán Camacho e Martha Florez; o secretario de Turismo de Boyacá, Eduin Contreras; o representante de Procolombia, Pascual Martínez, e o delegado de Termatalia neste país, Ricardo Ramírez, foron os responsables de defender a postulación de Colombia para ser sede da 23ª edición.
Germán Camacho suliñou que en Paipa se centran na terapia termal para a recuperación física dos deportistas:
Durante o acto de clausura entregáronse tamén os premios da ‘XX Cata Internacional de Augas Minerais’, un concurso de prestixio e moi valorado polas empresas embotelladoras de auga mineral e que estivo dirixido pola hidrosumiller galega Mercedes González, que fixo unha avaliación desta actividade.
As augas premiadas, na categoría sen gas, foron Aguas de Sousas, Agua Sana e Agua de Cuevas, mentres con gas foron galardoadas Maga Original de Cabreiroá, Solares e Augas de Campilho.
Deste xeito, Termatalia convírtese no mellor escaparate que refrexa un novo agromo do termalismo en Galicia, a comunidade líder en España neste sector turístico, xa que dispón de 20 balnearios que xeneran 19.000 empregos e que atraxeron a 190.000 turistas ao longo do ano pasado.