A Deputación colaborará coa asociación Olivarnoia no seu proxecto de dinamización do rural

IES CHAMOSO LAMAS

Manuel Baltar reuniuse esta mañá en Arnoia co equipo directivo desta asociación, garantindo o apoio da institución provincial para a instalación dunha almazara e na recuperación de terras abandonadas a través da plantación de oliveirais

“Isto é dinamizar o rural, fixar poboación e poñer en valor recursos endóxenos”, destaca o presidente da Deputación, que tamén avanzou a Olivarnoia novas liñas de cooperación a través do Inorde

OZOCOgz Deseño Galego

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse esta mañá en Arnoia co equipo directivo de Olivarnoia. Manuel Baltar comprometeu o apoio da institución provincial a varios proxectos da asociación, enfocados á instalación dunha almazara -un muíño para a extracción do aceite- e á recuperación de terras abandonadas deste municipio do Ribeiro a través da plantación de oliveirais.

O presidente da Deputación resalta a importancia destes proxectos de emprendemento para o rural ourensán. Lembra os vencellos históricos da provincia co aceite -“de feito, o lugar da Arnoia no que se insire este proxecto chámase Oliveira”, sinalou- e aplaude o traballo realizado por esta asociación: “Destacan os proxectos que teñen por diante, que pasan pola produción de aceite e outros derivados, como pode ser o xabón. A Deputación colaborará para que, por exemplo, Olivarnoia poida completar a almazara, que é unha das poucas con carácter público que hai en España”. 

Na reunión con Manuel Baltar estivo presente o presidente de Olivarnoia, José Antonio Torres; o tesoureiro, Luis Manuel Alonso e a secretaria, Susana Álvarez. Ao encontro tamén asistiron o alcalde da Arnoia, Rodrigo Aparicio e o vicepresidente segundo da Deputación e encargado dos asuntos de cooperación cos concellos do Ribeiro, César Fernández.

“Este é un proxecto que paga a pena apoiar, como fixo o Concello da Arnoia dende o inicio. E que é unha forma de poñer en valor o territorio producindo un aceite de extraordinaria calidade, como acreditan os informes realizados antes da súa comercialización”, destaca Manuel Baltar, que valora a importancia destes proxectos para o futuro do rural ourensán: “Isto é dinamizar o rural, fixar poboación e poñer en valor recursos endóxenos e produtos propios. A Deputación ten que estar aquí”. 

Avanza o presidente da Deputación novas liñas de traballo, dentro do “apoio máximo” á asociación: “A través do Inorde darémoslles asesoramento sobre as diversas canles de comercialización, produción ou distribución; para inserilos noutros proxectos máis amplos e tamén poñéndoos en contacto con outras experiencias deste tipo que se están realizando en Ourense e no resto de España”.