Manuel Baltar: “A Deputación de Ourense, a máis social da historia, con iniciativas pioneiras durante a pandemia e o poscovid”

Fotos entrevista Manuel Baltar no Balneario da Arnoia.

O presidente fai balance, na revista da Fundación “Democracia e goberno local”, do primeiros cinco meses do COVID-19 e o que supuxo a pandemia para as administracións locais

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, fai balance, na revista da Fundación “Democracia e goberno local”, do que foron o primeiros cinco meses do COVID-19 e o que supuxo a pandemia para as administracións locais, afirmando que o goberno provincial ourensán “caracterizouse por ser o máis social da historia, poñendo en marcha iniciativas pioneiras durante a pandemia e, agora, na era poscovid”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Baltar valora que durante estes meses “acreditouse de novo a capacidade de reacción do goberno provincial de Ourense. Desde o inicio do estado de alarma fomos a primeira deputación galega en adquirir material sanitario para os 92 concellos, e tamén fomos pioneiros aprobando axudas para as entidades sociais e reforzando o servizo de teleasistencia cun número 900; ademais, puxemos en valor o teletraballo sen deixar de prestar presencialmente servizos públicos delegados polos concellos, como a recollida de lixo ou o ciclo da auga”.

A constitución, a mediados de marzo, do “Comité do día despois”, da man de organizacións empresariais, económicas e comerciais para planificar a reactivación económica, foi outro dos fitos importantes. “Grazas ao seu traballo aprobamos en abril axudas directas a miles de autónomos da provincia, a pequenas e medianas empresas, e mesmo a traballadores afectados por ERTE; un pleno extraordinario onde duplicamos a cantidade inicialmente prevista para o Plan de emprego en todos os concellos, cunha mensaxe clara: as obras pasan a un segundo plano e focalizamos o noso esforzo nas persoas”, explica Manuel Baltar.

Así mesmo, destaca o feito de transformar durante unhas semanas o pavillón de deportes “Paco Paz” en centro loxístico de apoio a transportistas e persoal esencial, con aparcamento, zonas de descanso e hixiene persoal, manutención, desinfección de vehículos…, “todo de forma gratuíta, sufragado pola Deputación”, destacando tamén que o persoal sanitario e os usuarios do complexo hospitalario de Ourense puideron aparcar @gratuitamente os seus vehículos no aparcadoiro do centro “grazas ao acordo alcanzado coa concesionaria”.

Outra medida que subliña Manuel Baltar é a referida a que todos os veciños da provincia contan cun punto de información e consulta gratuíta sobre cuestións legais e económicas, “grazas ao convenio asinado co colexio de economistas; e tamén repartimos máis de 4.000 publicacións da Deputación en todos os centros hospitalarios e residencias de maiores da provincia, colaborando así mesmo coas entidades sociais na repartición de alimentos por todo o territorio, e desinfectando rúas e contornas de residencias coa nosa brigadas de maquinaria especializada”.

No ámbito deportivo e do benestar, durante o confinamento, “os nosos monitores programaron clases de mantemento físico a través das redes sociais, e realizáronse concursos de fotografía, curtametraxes e debuxo”, sinala o presidente, e explica que, ademais, durante 50 días impulsamos a campaña “Queda na casa”, na que 50 ourensáns populares enviaban a través das redes sociais mensaxes de apoio e sensibilización á sociedade”, e destacando que o centro cultural “Marcos Valcárcel” “compatibiliza a súa actividade coa “Hospital de emprendedores”, ofrecendo durante tres meses e de forma gratuíta espazo, mobiliario e atención personalizada a emprendedores con problemas de liquidez, cunha excelente conexión a Internet grazas ao acordo da Deputación co grupo R- Euskaltel”.

A todas estas iniciativas, explica Baltar, “súmase o programa “Montaña de solidariedade”, que permite aos fillos das familias máis desfavorecidas gozar de vacacións na estación de montaña de Manzaneda”, e tamén a iniciativa aprobada no pleno de maio pasado, “onde acordamos constituír a comisión “Ourense futuro” para que sexa un altofalante da sociedade civil, “co obxectivo de recoller e impulsar desde a Deputación iniciativas dos colectivos sociais da provincia”, destaca Baltar, concluíndo que o goberno de Ourense “sempre vai da man dos seus accionistas: os ourensáns e as ourensás”.