NOTA Informativa do BNG de Ribadavia sobre o Pleno

UNS ORZAMENTOS INTRASCENDENTES QUE NON SOLUCIONAN NINGÚN PROBLEMA DE FONDO PARA RIBADAVIA.

Publicidade

Un dos puntos a tratar no pleno municipal deste mes en Ribadavia é o dos orzamentos municipais para 2020. A posición do grupo municipal do BNG vai ser mesma que en xaneiro pasado, a abstención.

O panorama non ten cambiado para mellor, os orzamentos de 2020 son un documento plano, que non supón unha evolución da xestión nin un impulso para o concello. Como mostran os datos, o orzamento ven sendo o mesmo que o de 2019, cun aumento do gasto en persoal e en bens correntes e servizos que indica que o concello de Ribadavia realmente non aforra nin en consumo enerxético nin en recollida de lixo.

Pero imos a peor nos investimentos, que pasan de 319.000 a 256.000€ para 2020, polo tanto seguimos sen actuacións relevantes logo de máis dun ano de mandato do actual goberno. 

Ademais, non ten sentido seguir recollendo partidas para actividades que non se van realizar como a Feira do Viño ou as Festas do Portal e, en troques, non incluír os 120.000€ que foron aprobados como plan de reactivación económica xa en maio pasado.