A Xunta amplía a cinco concellos ourensáns as axudas para a posta en marcha de programas de conciliación

A Administración autonómica vén de acometer unha ampliación de crédito nesta liña de axudas para a promoción da igualdade que inclúe a Maceda, Ramirás, Vilar de Santos, Esgos e Toén

Súmanse aos 74 concellos que resultaron beneficiarios na convocatoria inicial da orde que, ademais de conciliación, incluía outros programas como sensibilización, ou o mantemento dos Centros de Información á Muller

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta de Galicia financiará programas de conciliación doutros cinco concellos da provincia de Ourense, logo de que a Administración autonómica ampliara esta liña de axudas destinada aos concellos. En concreto, os novos beneficiarios son Maceda e Ramirás, con 12.000 euros cada un deles; Vilar de Santos, con preto de 9.000; Esgos, con 7.200; e Toén, con máis de 2.700 euros.

Estas novas concesións inscríbense dentro da ampliación de crédito que vén de acometer a administración autonómica na liña de axudas a concellos para programas de conciliación e que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia. En toda Galicia, o incremento orzamentario supera os 220.000 euros, co fin de chegar a máis concellos, moi especialmente tendo en conta a demanda rexistrada e o elevado interese que xeran estas accións de conciliación.

Cómpre recordar que o programa de fomento de conciliación non é a única liña de axudas destinada a concellos para a promoción da igualdade. Ademais dela, a Xunta pon a disposición dos concellos galegos outros tres programas de financiamento: de promoción da igualdade entre mulleres e homes e prevención e tratamento da violencia de xénero; de financiamento dos Centros de Información ás Mulleres (CIM); e de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. Os tres primeiros están cofinanciados polo Fondo Social Europeo, mentres que o último está financiado ao abeiro do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Na provincia de Ourense, ao abeiro destas catro liñas de axudas, resultaron beneficiarias inicialmente un total de 60 entidades locais que integran un total de 74 concellos, cun importe de 1.398.854 euros.

En concreto, 16 entidades locais e un total de 29 concellos (Allariz, Barbadás, Boborás, Carballeda de Avia, Laza, Lobios, Maceda, Melón, A Mezquita, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, A Pobra de Trives, Taboadela, Vilar de Santos; e as mancomunidades de Municipios da Comarca de Verín e a de Terra de Celanova) recibiron axudas do programa de promoción da igualdade, para levar a cabo accións orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes, así como actuacións para loitar contra a explotación sexual. Tamén resultaron beneficiarios os 15 Centros de Información á Muller que hai na provincia.

Ademais, 45 entidades locais (incluídas dúas mancomunidades) que suman 54 concellos recibiron axudas a través do programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade; e, por último, 22 entidades locais foron as beneficiadas para a realización de programas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Concretamente 21 concellos (Avión,Baños de Molgas, Boborás, Castrelo do Val, Coles, Lobios, Melón, Monterrei, Muíños, Oímbra, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Piñor, Porqueira, Rairiz de Veiga, Ribadavia, A Veiga, Verín, Viana do Bolo, Vilamarín e Xinzo de Limia) e a mancomunidade Terra de Celanova. A estas 22 entidades locais súmanse agora os concellos de Maceda, Ramirás, Vilar de Santos, Esgos e Toén como beneficiarios de axudas de conciliación.