As empresas ourensás prepáranse para abordar novos mercados
Unha nova sesión do taller de diagnóstico exportador orientou a case unha vintena de firmas para iniciar ou consolidar os seus mercados exteriores
Exportou, o programa conxunto para a internacionalización da CEO e a Deputación, posibilitou a celebración desta actividade
Facilitar a toma de decisións sobre ampliación ou localización de novos mercados foi un dos principais obxectivos do taller

Nesta nova edición, case unha vintena de firmas déronse cita telemáticamente co experto en mercados exteriores Jesús Albizu para coñecer todo o relativo ao seu potencial na procura e consolidación de mercados exteriores.
Cosmético, agroalimentario ou téxtil, foron algúns dos sectores que acudiron a esta cita coa intención de coñecer o seu potencial na actividade exportadora, e ter as ferramentas necesarias para dar este salto ou mellorar substancialmente as súas posibilidades neste campo.
O Plan para a Internacionalización das empresas de Ourense, Exportou, posto en marcha pola Confederación Empresarial co apoio da Deputación ourensá, celebrou un novo taller no que ofreceu o apoio necesario ás empresas participantes sobre os camiños máis aconsellables para exportar, o tipo de mercados obxectivos que máis conveñen e a forma de actuación dentro do mercado elixido. Para completar a estratexia, e tamén da man de Albizu, estas empresas recibirán nas próximas semanas recomendacións para iniciar o proceso de internacionalización.
Exportou, un aliado para a exportación
Desde a súa posta en marcha en 2017, Exportou puxo ao dispor das empresas ourensás un completo programa de servizos de apoio e actividades dirixidos a impulsar a presenza internacional e a mellora da competitividade do tecido empresarial da provincia, contribuíndo desta forma para estimular a economía ourensá e a xeración de emprego.
Ademais das sesións como o taller celebrado hoxe, Exportou realizou formación para capacitar a profesionais na tarefa de iniciar un proceso exportador, co Servizo de Primeira Exportación. Doutra banda, o programa SIRE -tamén no marco de Exportou- serviu para que as empresas ourensás coñezan os diversos elementos e etapas que van implícitos en calquera operativa exterior de maneira sinxela, próxima, apoiada e sen riscos.
Exportou desenvolve tamén outras maneiras de fomentar esta vocación exportadora e promocionar os produtos ourensáns, como a plataforma dixital que leva a súa mesmo nome, que recibiu 102.115 visitas e conta con 47.073 usuarios. Cabe destacar a elevada porcentaxe de interesados que accederon a este escaparate online desde Estados Unidos, Brasil, Francia, México, Portugal, Perú, Canadá e Reino Unido. Neste portal para a internacionalización ten unha especial acollida a sección ‘ made in Ourense’, que inclúe un catálogo de produtos con 59 referencias e un directorio de 32 empresas en español, inglés e francés.
Outras accións amparadas neste programa son campañas de márketing dixital, o Boletín periódico de noticias sobre comercio internacional que reciben case un milleiro de subscritores e contén información sobre axudas, mercados, actualidade, consellos, actividades e axenda de eventos do ámbito da internacionalización.