O BNG de Ribadavia pide novas medidas para a apertura dos centros escolares

A formación do Bloque Nacionalista de Ribadavia asegura que a proposta de Protocolo de adaptación ao contexto da COVID19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-21 foi elaborada e aprobada “unilateralmente pola Consellaría de Educación e concitou o rexeitamento unánime das organizacións sindicais do ensino e as federacións de ANPAs”.

No que respecta ao Concello de Ribadavia, segundo o bloque, será a administración local a que se teña que facer cargo da prestación e sobrecuste dos servizos de mantemento, funcionamento, conserxería e limpeza de varios centros educativos, sen que as asuma a administración competente en materia sanitaria e educativa, a Xunta de Galicia. Os centros do municipio que se manteñen en activo son o Colexio da Alameda (pertencente ao CEIP de Ribadavia), a Concentración escolar da Rúa Carballiño (CEIP de Ribadavia), a Escola de San Paio (CRA Amencer), a Escola de San Cristovo (CRA Amencer) e a Escola de Francelos (CRA Amencer).

AVANTAR ACTIVIDADES

No punto 4 do Protocolo de adaptación ao contexto da COVID 19 establécense as medidas xerais de limpeza nos centros de ensino non universitarios. Unhas medidas extraordinarias que esixirán traballos nos centros educativos que van moito máis alá dos que nestes momentos se realizan por parte dos Concellos. Dende a formación consideran que debería ser a Xunta de Galiza, a administración con competencias en materia de educación e sanidade, a que teña que asumir e financiar estes traballos e medidas de limpeza ás que fai referencia o Protocolo, non podendo ser os Concellos os que asuman nin a súa execución nin o seu financiamento.

Ademais, para o concello de Ribadavia, segundo afirma a formación, engádense tamén os gastos derivados da adaptación ao contexto da Covid-19 no que respecta a outros servizos, coma son as actividades extraescolares que se realizan fora de período lectivo, o servizo de madrugadores en período lectivo e a escola infantil “A galiña azul” que o Concello cofinancia.

Para o BNG, a Xunta, como administración competente en materia de educación e sanidade, debería ser a que asuma o incremento de custes destas actividades, e non as delegue noutros, no caso de Ribadavia, no Concello. Para elo, no Consello de Ministros de 16 de xuño de 2020 aprobouse o decreto polo que se transferirán ás comunidades autónomas 2.000 millóns de euros. Parte destes fondos correspóndelle á Xunta para cubrir as necesidades da Educación como consecuencia da pandemia e financiar o incremento de custes derivados das medidas de adaptación ao contexto da COVID-19.

Por estes motivos propomos, dende o BNG presentan unha moción ao Pleno do Concello de Ribadavia na que solicitan que o concello amose o rexeitamento ao Protocolo COVID19 para o ensino aprobado pola Xunta de Galicia así como que apoien as demandas da comunidade educativa nesta materia. Ademáis, creen que se debe esixir á Xunta a elaboración do Plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios deste Concello, derivado da COVID-19, asumindo o financiamento do sobrecuste. Tamén piden o apoio ás reivindicacións das ANPAs do alumnado para abrir un diálogo sobre a prestación do servizo de madrugadores e as actividades extraescolares no curso 2020-2021, nas que o Concello de Ribadavía e entidade prestadora. E por último, solicitan que se traslade á Xunta de Galicia a petición de abrir un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP co obxectivo de resolver os problemas derivados do Protocolo, elaborado de forma unilateral pola Xunta, para garantir o correcto inicio e funcionamento do curso escolar 2020-2021.