O PSOE de Punxín critica a “desidia” do goberno local ó rexeitar as súas aportacións

O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia as “incoherencias” do grupo de goberno municipal de Punxín, formado por Partido Popular e Ciudadanos, que votaron en contra no pleno celebrado esta fai uns días dúas mocións presentadas polos socialistas nas que solicitaban a mellora da Praza do Souto en Rubiás e que se construíse un parque infantil en Vilela. As concelleiras do Grupo Municipal Socialistas non dan creto ao acontecido no pleno, onde PP e Ciudadanos votaron en contra das dúas mocións, pero afirmaron con anterioridade que as “levarían a cabo”.

Publicidade

A voceira socialista en Punxín, Lorena Peleteiro, critica a “desidia e deixadez” do grupo de goberno municipal e afirma que “volven a deixar claro o pouco que lles importa o concello e a veciñanza”, o expresarse en contra de dúas mocións que “repercutirían directamente nos veciños, veciñas e crianzas do noso municipio, que precisan de melloras en materia de infraestruturas e que levan anos agardando porque o alcalde e o seu grupo se poñan a traballar dunha vez por todas por eles”.

Dende o Grupo Municipal Socialista non dan creto tampouco o argumento esgrimido tanto polo alcalde do PP, como polo seu socio de goberno de Ciudadanos, quen se escudan en que “xa se vamos levar a cabo unha obra, para que vamos a votar a favor”, explica Peleteiro, que tamén apunta que “isto non é máis cunha nova mostra de que nin traballan polo concello, nin aceptan que os outros grupos traballen”. “Ante a parálise e desidia do grupo de goberno encabezado polo PP, non podemos quedar paradas e decidimos movernos e facer o seu traballo, pero está claro que tampouco o aceptan, ó votar en contra”, destaca Lorena Peleteiro.

As mocións socialistas pedían en primeiro lugar a construción dun parque infantil na parroquia de Vilela, que tal e como apuntan dende o PSdeG “é a única parroquia do Concello que non dispón dun área de esparexemento para a cativada”. A outra moción solicitaba a mellora da Praza do Souto, en Rubiás”, que “se atopa totalmente abandonada e carente de iluminación”. Ambas mocións rexistráronse porque  “así nolo demandaba a veciñanza”, apunta a voceira socialista.  

As socialistas tamén critican a “ausencia total” de proxecto político, despois de que o alcalde respondese no pleno, ante a pregunta dun dos grupos na que requirían información sobre os proxectos que se ían a levar a cabo en Punxín durante o actual mandato, que “non había ningún”. Unha resposta que as socialistas consideran que “só amosa a realidade dun concello paralizado e que non avanza porque os seus gobernantes non queren e o impiden de xeito constante”.