A actividade, que se desenvolve con todas as medidas sanitarias e de seguridade, levase a cabo entre os días 20 e 31 de agosto.
O Concello de Ribadavia acolle nestes días o campo de voluntariado “O noso rural, a nosa Istoria”, unha actividade promovida pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e que se desenvolve en Ribadavia entre os días 20 e 31 de agosto, contemplando todas as medidas de seguridade e sanitarias derivadas dos protocolos de loita contra o COVID-19.
Este campo de voluntariado pretende fomentar, e poñer en coñecemento, a vida no rural como unha alternativa á vida nas urbes, afondando ademais na visión social, cultural e etnolóxica que emana dunha comunidade orgullosa do seu e respectuosa coas tradicións como é a sociedade ribadaviense.

Os participantes neste primeiro campo de voluntariado que se celebra en Ribadavia, foron recibidos na casa do concello polo alcalde de Ribadavia, César Fernández, que deu a benvida aos participantes e ademais agradeceulles que decidisen escoller Ribadavia como destino para vivir a experiencia única que, para mozos e mozas desa idade, supón participar nun campo de voluntariado.
O alcalde de Ribadavia sinalou que “Para Ribadavia é unha honra e un orgullo ser sede dun campo de voluntariado con un marcado carácter social e cultural, que permitirá dar a coñecer ás participantes unha das notas definitorias esenciais da sociedade ribadaviense como é a participación, intensa e activa, no desenvolvemento das actividades culturais que teñen lugar no noso concello.”
César Fernández afirmou que “estamos seguros de que este campo de voluntariado será unha experiencia inesquecible para todas as participantes, e ademais, permitirá que descubran unha Ribadavia acolledora e chea de vida, na que a cultura pode respirarse e desfrutarse en cada un dos recunchos do noso concello.” O alcalde pediulle ás participantes no campo de voluntariado que se convertan en “prescriptoras de Ribadavia” xa que van a poder comprobar de primeira man o “moito que Ribadavia ten que ofrecer ao mundo”.