A Área Sanitaria realizará test rápidos ó persoal docente de toda a provincia

A Área Sanitaria comezará, o na tarde de hoxe luns 24 de agosto, o cribado mediante test rápidos de anticorpos de dobre banda a todo o persoal docente dos distintos centros educativos da provincia co obxectivo de determinar as posibles infeccións por COVID-19, antes de dar comezo o curso escolar.

Os test comezarán a facerse a diario en quenda de tarde, no servizo de extraccións do laboratorio de análises clínicas do Santa María Nai e en quenda de mañá e tarde durante o sábado e domingo e estímase que na tarde de hoxe pasen preto de 400 docentes polo centro sanitario para a realización das probas. Asemade este cribado realizarase tamén nas vindeiras datas nos Hospitais de Verín e Valdeorras onde tamén será citado o persoal docente que teña fixada a súa residencia nos concellos limítrofes a estes centros.

AVANTAR ACTIVIDADES

Durante o tempo que dure o proceso de toma e análise das mostras pasarán ao redor de 4.000 mestres e profesores polos puntos de extracción habilitados nos tres centros sanitarios. A extracción consiste nun proceso sinxelo que se realiza mediante “punción capilar” no que se extrae unha pinga de sangue do dedo e o resultado da mostra pódese coñecer en aproximadamente dez minutos. Esta clase de proba diagnóstica foi a realizada no seu momento para o cribado do persoal sanitario, dos corpos e forzas de seguridade e tamén ao persoal de servizos esenciais tales como bombeiros, protección civil, técnicos de transporte sanitario e o persoal do 061.

Os test de dobre banda permiten detectar posibles positivos pero tamén coñecer cales son os positivos activos e cales son os que están inmunizados. Estas probas serven para aumentar a cantidade de casos detectados e aumentan o abanico de diagnóstico, polo que teñen gran utilidade xa que permiten diferenciar entre infección aguda, máis avanzada ou curada.