O PP critica que o goberno local poña en risco o servicio de Axuda no Fogar

Dende o Partido Popular califican de “incapacidade e ineptitude do Goberno municipal socialista” facendo referencia ó acontecído no día de onte, cando a Plataforma de contratación do Sector Público, na que obrigatoriamente se teñen que publicar as contratacións que fan os Concellos de toda España, anulou a publicación relacionada co servicio de Axuda no Fogar que fixera o Concello do Carballiño o pasado día 28 de xullo.

Publicidade

O PP recorda que xa foi no Pleno celebrado con data 27 de setembro de 2018 cando se acordou non prorrogar o contrato coa empresa que viña prestando o servizo. Segundo o seu portavoz, Ricardo PErez, o lóxico sería supoñer que o Concello, unha vez tomada a decisión de non prorrogar o contrato, sacase a licitación de forma inmediata un novo contrato, ou ben asumise directamente a prestación do servizo. Aseguran que non se fixo absolutamente nada. A empresa seguiu prestando servizo, pero xa sen contrato e sen saber a que aterse, nin para cobrar o traballo nin para prestar o servizo.

Non é ata o pleno de maio de 2020 cando a formación afirma que o alcalde decide levar a licitación deste servizo a Pleno. Engaden que “se o fai é só porque a empresa xa non estaba disposta a aturar máis esa situación de precariedade”, que llo comunicou ao Concello o día 4 de marzo, dicíndolle que o día 6 de Abril plantaba definitivamente o servizo.

Inda quedaba pendente a cuestión de aboarlle os traballos á empresa actual. Como xa non había contrato con ela, foi necesario levar a Pleno a cuestión da actualización dos prezos, esta vez con informes negativos de secretaría e intervención.

Remíten á plataforma o día 8 de xullo os pregos, pero polos defectos que contiña, tiveron que enviar unha rectificación o día 28 de xullo. Dende a formación popular pensaban que a cuestión xa estaba resolta pero aseguran que “tampouco desta vez o fixeron de forma correcta, e a consecuencia é que a plataforma no día de onte anula a publicación”.

De todo isto resulta que desde o mes de outubro de 2018 se leva prestando o servizo en precario pola empresa,”como mostra de desidia, pasotismo e deixando mostra de total desorganización no ámbito laboral do noso Concello”, en palabras de Ricardo Perea.

Dende o Partido Popular piden explicacións ó Alcalde, asegurando que é o máximo responsable desta situación dende o 2018, e consideran fora de lugar a resposta feita públicamente pola concelleira de servizos sociais que di que as bases están feitas e que se retrasaron por causa da crise sanitaria, cando afirman que debería de ser que por causa desta crise sanitaria, este prego se publicase canto antes para que se poida contar con empresa adxudicataria que poida facer frente de mellor forma á atención das persoas que requiren este servizo. Os populares piden que explique por qué todas as publicacións do seu departamento se retrasan meses.