A conselleira de Medio Ambiente salientou que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático está a analizar as 166 solicitudes presentadas polas entidades locais, que se beneficiarán da convocatoria de axudas 2020-2021 dotada de 4,16 millóns de euros, é dicir, tres veces máis fondos que a anterior convocatoria.
A modo de exemplo, Vázquez Mejuto recordou que a Mancomunidade do Ribeiro foi unha das beneficiarias deste tipo de axudas, pois na convocatoria anterior recibiu 49.000 euros para a adquisición do punto móbil, que se puxo en funcionamento este verán e que da servizo a cinco concellos para recoller electrodomésticos, mobles e outros residuos de grandes dimensións ou que non se deben depositar nos contedores habituais.
Sinalou que mancomunar servizos ten vantaxes para os concellos, pois garanten un servizo aos veciños que en ocasións esixen dispoñer dun orzamento inasumible por parte dun só concello.