A alcaldesa da Bola solicitou un informe porque unha persoa pediu o Concello traballar como policía local

  • Despois da suspensión do mércores, Teresa Barge celebrou o pleno e volveu aumentar a confusión sobre a súa responsabilidade directa no caso do falso policía local.
  • O BNG solicitará o expediente do decreto de contratación como voluntario de protección civil da persoa que se fixo pasar por policía local.

 “A alcaldesa da Bola, Teresa Barge, celebrou finalmente este venres o pleno suspendido o pasado mércores por unha indisposición repentina da secretaria municipal, que hoxe puido asistir á sesión, na que estivo ausente unha das concelleiras do grupo de goberno e puido acceder prensa malia a intención inicial de Barge de limitar o aforo e celebrar o pleno sen público. Abríronse as fiestras do salón de plenos e militancia nacionalista presenciou in situ o debate no que a concelleira do BNG, Vanesa García, volveu solicitar aclaracións sobre o asunto do “falso policía local”.

Despois dunha tensa quenda no apartado de rogos e preguntas, o BNG segue tendo as mesmas dúbidas que vén mostrando despois de cada interpelación a alcaldesa. Barge ofreceu no pleno desta mañá un novo relato da cadea de feitos.

AVANTAR ACTIVIDADES

O que pasou segundo ela é que A. V. I. (as iniciais que deu a alcaldesa) presentouse no Concello da Bola, foi contratado para desenvolver funcións de voluntario de protección civil “durante tres días, pero só estivo dous”, dixo Barxe; e durante esas dúas xornadas estivo acompañado por outro persoal de protección civil. A alcaldesa non quixo asumir que foi ela, coa sinatura do decreto de contratación, quen autorizou esta persoa a utilizar o vehículo municipal de protección civil.

Despois -continúa o relato de Barge- esta persoa ofreceuse -no aclarou Barge en que momento- a prestar funcións de policía local “de xeito gratuíto e voluntario”. Entón foi cando a alcaldesa decidiu encargar un informe xurídico, “simplemente se pediu para ver se iso era verdade e era posíbel” e un uniforme “para o caso de que o informe xurídico fose favorábel”. Barge tampouco especificou a quen se encargou o informe e o uniforme, dixo que toda a documentación se lle remitiu o Xulgado e comprometeuse a informar aos concelleiros do BNG das noticias que se reciban no Concello da Bola a respecto da investigación.

“As explicacións son cada vez máis confusas”, resumiu a portavoz nacionalista ao remate da sesión. “O BNG continuará pedindo toda a documentación ao respecto para tratar de determinar o alcance das responsabilidades de cada quen”.

Esta é unha parte do diálogo que mantivo a concelleira nacionalista, Vanesa García, coa alcaldesa durante a quenda de rogos e preguntas no pleno de hoxe:

– Pode mostrar a titulación que presentou esta persoa e que figura no decreto?

– Está no expediente que foi enviado ao Xulgado e á Garda Civil

– Pode mostrar o informe xurídico?

– Si… volvo dicir que nunca exerceu tales funcións e que só se deu de alta como membro de protección civil. El presentou un título o día 15 [de marzo] da Axencia Galega [AGASP?], que está en investigación, de policía local… dicindo que el era auxiliar de policía local e que se nós queríamos podería desenvolver esas funcións. Cousa que nunca se comprometeu o Concello e pediuse un informe xurídico ao respecto simplemente por saber se iso era verdade. Informe xurídico que resultou negativo. Si, si, por suposto, podémoslle dar copia.

– Pode explicar a que empresa lle encargou ese informe e canto lle custou?

– Nunca se pagou nada por ese informe nin nunca se encargou definitivamente, pediuse un orzamento nas empresas para o caso de que o informe xurídico fose favorábel e se vira algunha posibilidade, cousa que nunca se fixo… e de xeito cautelar a posibilidade de subministrar [un uniforme?] que se lle pediría para que entregara no Concello, cousa que endexamais foi entregado nin comprado nin pagado ni recibido na Casa Consistorial. Nin existe albarán que fora entregado endexamais.

(Teresa Barge adiantouse na resposta anterior á pregunta polo encargo dun uniforme de policía).

(A concelleira nacionalista, Vanesa García, insistiu na cuestión do informe).

– Entón, cal foi o motivo de ter solicitado ese informe sobre a policía local?

– El presentou un título que estaría pendente de comprobación e pediuse un informe xurídico para ver se… El insistía que podía prestar esas funcións a parte do voluntariado [en protección civil]. El insistía que podía prestar esas funcións, e que lle daba puntuación, de xeito gratuíto e voluntario. Simplemente se pediu un informe xurídico para ver se iso era verdade e era posíbel. (…) Solicitamos un infome se como voluntario de policía local podería prestar… PODERÍA, puidera o pudiese… no futuro, prestar algún servizo dese tipo.

– A respecto do uniforme, respondeunos por escrito que tiña pedido a unha empresa un uniforme xenérico sen distintivo municipal…

(Interrompe a alcaldesa).

– Pediuse un orzamento e de xeito cautelar para se esa empresa tiña ou fabricaba uniformes para o caso de que fose necesario e o informe xurídico fose positivo… un uniforme básico sen distintivos do Concello… QUE PRETENDE?, que quere que lle diga?

– Que nos fale claro? A verdade.

O BNG solicitará o expediente do decreto polo que o Concello da Bola se comprometeu con A. V. I. O 11 de marzo para que esta persoa realizase funcións de voluntariado en protección civil, funcións que segundo a alcaldesa só desenvolveu durante 2 días. O BNG revisará a documentación anexa na que, segundo a alcaldesa, figura a titulación desta persoa como “auxiliar de policía local” e as acreditacións en formación de seguridade viaria e coidado de animais, entre as que se relacionan no decreto para xustificar a contratación.