O Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico despregou medios aéreos e terrestres para apoiar as labores de extinción dos focos declarados en A Gudiña, Lobios, Vilar de Barrio e Vilariño de Conso

§  Emilio González reitera a petición de extremar as precaucións para minimizar o risco de propagación de incendios forestais nesta época de calor extremo e escaseza de choivas

A Subdelegación do Goberno en Ourense informa dos medios despregados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) ata as 10:45 da xornada de hoxe, domingo 13 de setembro, para apoiar as tarefas de extinción dos incendios declarados en A Gudiña, Lobios, Vilar de Barrio e Vilariño de Conso.

En Vilariño de Conso o MITECO apoiou as labores de extinción mobilizando tres avións anfibios procedentes das bases de Labacolla (A Coruña), Torrejón (Madrid) e Matacán (Salamanca); e dúas Brigadas de Especialistas en Extinción (BRIF) helitransportadas por dous helicópteros cada unha con capacidade para 1.200 litros dende as bases de Tineo (Asturias) e Tabuyo del Monte (León).

Para apoiar a extinción do incendio declarado en Vilar de Barrio mobilizáronse unha BRIF helitransportada por dous helicópteros con capacidade para 1.200 litros, asignada á base de Laza; un avión de coordinación e observación (ACO), utilizado en tarefas de vixilancia, transmisión de imaxes e observación do incendio, que viaxou dende o aeroporto de León; e dous avións de carga en terra provintes da base de Xinzo de Limia.

Ata a Gudiña o MITECO desprazou un helicóptero bombardeiro Kamov, cunha capacidade de 4.500 litros, que voou dende Ibias (Asturias).

Para apoiar as tarefas de extinción en Lobios mobilizouse un avión anfibio Canadair de 5.500 litros de capacidade, procedente da base de Labacolla (A Coruña).

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, lembrou a colaboración e o compromiso do Goberno de España na loita contra a lacra dos incendios forestais e fixo un chamamento “a extremar as precaucións e minimizar o risco de propagación de lumes na nosa provincia, en especial nesta época de calor extremo e escaseza de choivas”.

A provincia de Ourense acumula no que vai de ano 28 persoas detidas/investigadas por incendios forestais, incluíndo os primeiros días de setembro, o que supón o 55% do total de Galicia (49 persoas detidas/investigadas). Emilio González reiterou a necesidade de avisar aos Corpos e Forzas de Seguridade sobre calquera imprudencia ou conduta incendiaria para facilitar as investigacións e a detención dos posibles autores. “Cando alguén vexa un imprudente ou un incendiario, que denuncie. A contribución cidadá nestes momentos é crucial”.