O concello de Ribadavia da o último paso para a terceira fase de expasión do parque empresarial

A Xunta de Goberno do Concello de Ribadavia ven de adxudicar a redacción da modificación do plan parcial do parque empresarial de San Cristovo. A modificación do plan parcial, unha vez aprobada, permitirá o desenvolvemento da terceira fase do Parque empresarial de Ribadavia, que permitirá poñer a disposición 50.000 metros cadrados de solo industrial para a instalación de novas empresas en Ribadavia.

Con esta actuación o goberno municipal de Ribadavia da cumprimento ao acordo que, no pasado mes de xuño, formalizaron coa sinatura dun protocolo de colaboración, o alcalde de Ribadavia, César Fernández e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez. Segundo o protocolo asinado, o concello de Ribadavia debía levar a cabo a modificación do plan parcial e, unha vez aprobada esta, será o IGVS o que se encargue do desenvolvemento e urbanización da terceira fase do Parque empresarial de Ribadavia.

AVANTAR ACTIVIDADES

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sinalou que “coa adxudicación da redacción do plan parcial vimos de dar hoxe un paso definitivo para o desenvolvemento da terceira fase do Parque Empresarial de Ribadavia. Esta era unha cuestión que levaba moitos anos atascada e que agora se poderá desbloquear grazas ao protocolo de colaboración asinado coa conselleira de Medio Ambiente no pasado mes de xuño.”

César Fernández sinalou que “unha vez redactado e aprobado definitivamente o documento técnico cuxa redacción vimos de adxudicar, será o IGVS o que leve a cabo o desenrolo e urbanización da terceira fase do parque empresarial, poñendo a disposición 50.000 metros cuadrados de suelo industrial para a implantación de novas empresas en Ribadavia.”