Espazo Común propón crear un grupo de traballo para reconverter a N-541

A formación de Espazo Común ven de presentar unha moción para o vindero pleno na que piden a creación dun grupo de traballo ca finalidade de reclamar melloras na estrada N-541. O texto completo da moción é o seguinte:

“Xa se ten debatido en numerosas ocasións sobre a perigosidade e constante problemática que supón para O Carballiño o ser atravesado de punta a punta por unha estrada nacional tan concorrida como é a 541 que une as cidades de Pontevedra e Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

A travesía repartida entre as rúas 25 de xullo e Francisco Castelló son tramos xa completamente urbanos e no seu traxecto hai entornos tan concorridos como a área do Cornuval con gran número de edificios públicos (Residencia, Pavillón Paco Chao, Centro Comarcal…) ademáis do cruce de Toscaña ou o tramo que atravesa Godás do Río, todos eles cunha enorme conflitividade pola, cada vez maior, convivencia de veículos de todo tipo cos peóns.

Tanto é así que algunhas destas localizacións están entre os considerados puntos negros de entre toda a rede nacional de estradas.

Na meirande parte dos concellos que atravesa, tamén se dan as mesmas problemáticas, con máis ou menos intensidade.

O terrible accidente de autobús ocorrido no Concello de Cercedo-Cotobade xunto cos numerosos incidentes que temos sofrido nos últimos tempos no Carballiño, coma o recente atropelo dunha muller, semella que fixeron reaccionar a algunhas institucións ao respecto pero todos temos o temor de que a iniciativa non pase de titulares e anuncios.

O Carballiño, máis alá da foto de alcaldes da chamada *Declaración de Pedre*, ten que encabezar esta xusta e necesaria reivindicación sen agardar a que haxa máis desgrazas.

Ante a falla de avances reais, propoñemos a creación dun grupo de traballo composto por membros de tódalas corporacións afectadas, representantes veciñais, técnicos municipais e técnicos das administracións superiores para estudar a reconversión desta estrada en vía autonómica con variantes nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Soutelo e O Carballiño.

Esta sería, sen lugar a dúbidas, a solución definitiva para eliminar a perigosidade dos moitos tramos que xa son totalmente urbanos da N-541.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. A creación dun grupo de traballo composto por membros de tódalas corporacións afectadas, representantes veciñais, técnicos municipais e técnicos das administracións superiores para estudar a reconversión desta estrada en vía autonómica con variantes nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Soutelo e O Carballiño“.