Deputados, deputadas e senadores do Psdeg-Psoe de ourense rexeitan “taxantemente” a supresión de servizos ferroviarios

os deputados, deputadas e senadores do psdeg-psoe de ourense rexeitan “taxantemente” a supresión de servizos ferroviarios e reclamarán a renfe a restitución inmediata

“É intolerable que se suprima un servizo de gran importancia como o Avant das 06:45 horas”, advirten antes de destacar que “xa estamos a traballar para que Renfe repoña este tren á maior brevidade”

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas manterán un encontro co presidente de Renfe, Isaías Táboas, e co ministro, José Luis Ábalos, para trasladarlles a importancia dese tren e reclamar a fin de “discriminacións”

 Os deputados, deputadas e senadores do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso, Senado e Parlamento de Galicia “rexeitan taxantemente” a supresión de servizos ferroviarios na provincia, e reclamarán a Renfe a “restitución inmediata” de trens como o Avant que unía a terceira cidade de Galicia con Santiago de Compostela e A Coruña ás 06:45 horas. “É intolerable que se suprima un servizo de gran importancia como ese, polo que xa estamos a traballar para que a Renfe repoña este tren á maior brevidade posible e, para iso, manteremos unha reunión co presidente de Renfe, Isaías Táboas”, anuncian.

Adolfo Pérez AbellasUxía TizónMiguel BautistaMarina OrtegaJuan Carlos Francisco e Carmen Rodríguez Dacosta defenden que “esta marxinación contra a veciñanza non pode continuar”, polo que tamén están a espera doutro encontro co máximo responsable do Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, a fin de trasladarlle que “existe moita demanda de viaxeiros para ese primeiro Avant do día e Renfe, como entidade pública empresarial, debe evitar discriminacións, adecuar os servizos e prezos ás contornas nos que se prestan e impulsar o reequilibrio territorial que a provincia precisa” e que “o PSOE defendeu sempre”. “Ao igual que no resto de España están a recuperar paulatinamente todos os servizos anteriores ao confinamento, reclamamos o mesmo trato para a terceira cidade de Galicia”, insisten.

Os socialistas recordan que “este tren permitía a moitos traballadores e estudantes desprazarse ata Santiago e A Coruña a primeira hora, chegando a tempo ao seu posto de traballo ou de estudo, e retornado a Ourense pola tarde”, polo que “é un servizo prioritario para manter a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”. “É clave porque permite vivir en Ourense e traballar noutras cidades e se non se presta esa viaxe nas mesmas condicións, moitas persoas acabarán abandonando a cidade”, salientan antes de recordar que “os servizos ferroviarios eficientes axudan a asentar poboación e a demografía é un dos principais problemas da nosa provincia na actualidade”.

Tarifas

O pasado mes de agosto, os deputados, deputadas e senadores no Congreso, Senado e no Parlamento de Galicia xa mantiveron unha reunión de traballo co representante de relacións institucionais de Renfe en Galicia, Javier Pérez López, na que trasladaron unha serie de peticións e suxestións relacionadas co transporte ferroviario de media e longa distancia, como son a reposición de servizos ou a súa tarificación.

Así mesmo, os socialistas ourensáns xa demandaran a comezos de 2018 unha rebaixa nas tarifas do servizo Avant entre Ourense, Santiago e A Coruña, tras converterse, naquel momento, na segunda relación de media distancia (MD) de Galicia con máis viaxeiros, unha petición que fora aprobada no Parlamento de Galicia. Os deputados, deputadas e senadores seguirán a reclamar durante esta lexislatura unha adecuación dos prezos á realidade e súa asimilación coas tarifas do Eixo Atlántico, xa que seguen a ser considerados como “abusivos” por parte dos usuarios e usuarias.