A Subdelegación do Goberno en Ourense informa de que os cambios de domicilio en permisos de condución e de circulación xa se poden realizar nos 92 concellos da provincia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A través do convenio de colaboración existente entre DGT e FEMP a cidadanía pode realizar estes trámites sen necesidade de desprazarse ás dependencias da Xefatura Provincial da DGT

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Subdelegación do Goberno en Ourense informa da adhesión dos 92 concellos da provincia ao Convenio de colaboración existente entre a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que permitirá á cidadanía tramitar nas entidades locais os cambios de domicilio do seu permiso de condución e do permiso de circulación de vehículos que posúa.

Dende o pasado 24 de setembro e trala sinatura dos acordos cos concellos de Baños de Molgas, Beade, Montederramo e Os Blancos, pódense levar a cabo os citados trámites dende as oficinas municipais de todos os concellos da provincia de Ourense, permitindo así axilizar estas xestións administrativas que se realizan diariamente na Xefatura Provincial de Tráfico, ademais de evitar desprazamentos innecesarios. Ambos procedementos son gratuítos e sinxelos para a cidadanía.

A adhesión dos concellos a este convenio permite unha maior actualización dos Rexistros de Condutores e de Vehículos. Así, o novo domicilio recollido no Rexistro de Vehículos determinará o concello no que se deberá abonar anualmente o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, mellorando os servizos de xestión tributaria municipais. Por outra banda, a actualización do domicilio no Rexistro de Condutores permitirá incrementar o grao de certeza das notificacións como consecuencia do procedemento sancionador.

Dende a entrada en vigor no ano 2006 do Convenio subscrito entre a DGT e a FEMP realizáronse máis de 5.000 cambios de domicilio na Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense remitidos polos concellos.

TRAMITACIÓN

O interesado deberá cumprimentar na solicitude os campos de cambio de domicilio no permiso de condución e/ou no permiso de circulación de vehículos e o persoal municipal identificará aos solicitantes (DNI ou NIE), comprobando que o novo domicilio é coincidente co que consta no padrón municipal. O concello remitirá á Xefatura Provincial de Tráfico a solicitude debidamente cumprimentada, sen necesidade de acompañar ningunha documentación adicional.

En ambos casos a Xefatura Provincial de Tráfico actualizará os domicilios nos Rexistros de Condutores e de Vehículos, pero non se expedirán novos documentos, polo que os solicitantes deberán seguir circulando cos permisos de conducir e de circulación que tivesen no seu poder ata ese momento.