A Xunta licita a restauración do reloxo mecánico do Mosteiro de San Clodio

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta de Galicia vén de licitar cun investimento de preto de 30.000 euros a segunda fase da restauración do reloxo mecánico do S.XVIII e do campanario de forxa do mosteiro de San Clodio, en Leiro, un investimento que suporá unha mellora estrutural deste ben catalogado e que se enmarca na colaboración que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén coa Diocese de Ourense para a conservación de varios inmobles eclesiásticos.

PUBLICIDADE

Unha vez adxudicada, a restauración terá unha duración máxima de tres meses e con ela dáse continuidade aos traballos realizados pola Xunta de Galicia en 2017 nunha primeira fase de restauración. Naquel momento retirouse a capa de ferruxe que o cubría e que ocultaba as numerosas inscricións históricas que posúe e que dan información do seu valor histórico.

Agora, os traballos centraranse no reloxo que está en funcionamento pero cómpre iniciar unha 2ª fase de restauración para devolverlle a súa funcionalidade como elemento sonoro. Para iso, será preciso restablecer a súa conexión cos martelos precursores responsables de dar as horas e os cuartos ao golpear as campás situadas nunha estrutura de ferro de forxa situada no alto da torre do campanario.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Menos desgaste da maquinaria

Debido ás modificacións efectuadas ao longo do tempo na cuberta, así como á posible localización orixinal das campás dentro do campanario (actualmente no alto da torre), a traxectoria dos tiros que accionaban os martelos da torre para o toque das campás viuse modificada e agora resultaba imposible, por causas técnicas, recuperar o sistema orixinal. Para solucionalo, optarase por utilizar fotocélulas para enviar un sinal eléctrico a uns motores situados no alto da torre.

Deste xeito, os traballos propostos manterán o principio mecánico que caracteriza os reloxos históricos pero evitarán o incremento do tamaño das pesas e desgaste da maquinaria. As actuacións incluirán, entre outros traballos, a instalación de dúas fontes de alimentación así como contactores de manobra e a iluminación da cámara do reloxo mediante focos led activados por detector de movemento.

Tamén se prevé a desmontaxe das campás das horas e dos cuartos da súa estrutura para actuar sobre elas. Ademais, aplicarase unha capa anticorrosión ao conxunto da estrutura portante das campás, elementos decorativos e sistema de martelos de gravidade, entre outras actuacións.

De interese cultural desde os 80

Con estes traballos a Consellería de Cultura, Educación e Universidade dá continuidade ao seu traballo de recuperación e mantemento do patrimonio histórico de Galicia. Neste caso, o mosteiro de San Clodio foi declarado monumento histórico artístico e Ben de Interese Cultural na década dos 80.

A igrexa do mosteiro, que leva o nome da Santa María, é de estilo gótico e conta con tres ábsidas en correspondencia coas naves. A imaxe da Virxe ocupa o retablo maior e destaca a fachada barroca do antigo palacio abacial.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------