O comité educativo aproba unhas recomendacións organizativas para os centros escolares no referido aos recreos

12,30 h.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reunirase por videoconferencia co Comité Educativo. Na sala de xuntas da área de Cultura (2º andar). foto xoán crespo 02/10/2020

Así mesmo, estase a traballar en varios protocolos específicos, entre eles un centrado nas actividades extraescolares e outros en relación ás ensinanzas de réxime especial e ás prácticas de FP

O Comité Educativo aprobou hoxe unhas recomendacións organizativas para os centros de ensino no referido aos recreos para cuxa elaboración se contou co criterio dos membros do Comité relacionados directamente co ámbito sanitario.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nelas establécese a posibilidade de que, de forma puntual e vencellada á pandemia, determinado alumnado maior de 16 anos poida saír do centro educativo nos recreos. O permiso estará limitado ás persoas que cursen ensinanzas non obrigatorias (Bacharelato, FP de grao medio e superior e ensinanzas de réxime especial), previa a pertinente autorización.

Para que se poida autorizar esta saída será requisito imprescindible a solicitude expresa, por escrito, por parte da dirección do centro á Xefatura Territorial correspondente, logo da aprobación da proposta por parte do Consello Escolar, que deberá ser informada pola Inspección Educativa. Ademais, antes da posta en marcha da medida, o centro deberá informar ao Concello para contar co apoio das Forzas e Corpos de seguridade no control nas inmediacións do centro.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, quixo reiterar, en todo caso, que esta opción terá un carácter absolutamente extraordinario e vencellado á pandemia. O seu obxectivo é facilitar o mantemento da distancia de seguridade nos recreos en centros que, polas súas especiais características (por exemplo centros históricos) ou pola súa localización (en lugares céntricos das cidades) non dispoñen de espazos amplos abertos exteriores nos que gozar do tempo de recreo.

Así mesmo, tense en conta a recomendación sanitaria de favorecer a actividade en espazos abertos e exteriores sempre que se cumpran as medidas de uso axeitado da máscara, distanciamento interpersoal, evitar aglomeracións e hixiene de mans.

Garantía de seguridade sanitaria


Por outra banda, no Comité Educativo deuse conta do traballo en marcha para preparar dous novos protocolos específicos para a adaptación á covid-19, en concreto arredor das actividades extraescolares nos centros educativos e dos centros que imparten ensinanzas de réxime especial.

Román Rodríguez considerou moi positivo contar con documentos específicos para estes casos que sexan avalados polo Comité Clínico, como o foron os xa publicados para os comedores escolares e para o alumnado con necesidades educativas especiais. Neste sentido, reiterou que o máis importante e a razón de ser destes protocolos é manter en todas estas actividades as máximas garantías de seguridade sanitaria.

O Comité Educativo tamén abordou a posibilidade de redactar un documento que regule a realización das prácticas, tanto dentro como fóra do centro educativo, na Formación Profesional, tendo en conta tamén as particularidades da FP Dual.