A consellería de medio ambiente e o concello de Ribadavia avanzan no establecemento da nova área Rexurbe

  • Despois da declaración desta área o pasado xullo, o municipio deberá presentar un plan de dinamización, para cuxa redacción conta cun modelo redactado polo IGVS
  • O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo reuniuse co alcalde, a quen lle trasladou que no marco da convocatoria do programa Rexurbe deste ano se recibiron catro ofertas para a adquisición de inmobles para rehabilitar en Ribadavia
  • Tamén comprobaron os avances no protocolo para ampliar o parque empresarial

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e o alcalde de Ribadavia, César Manuel Fernández, veñen de manter unha xuntanza co obxectivo de avanzar no establecemento da nova área Rexurbe de Ribadavia, declarada polo Consello da Xunta o pasado mes de xullo.

Na reunión abordouse o plan de dinamización da área Rexurbe, que debe redactar o concello para sometelo á aprobación do Consello e para o cal conta cun modelo redactado polo IGVS en colaboración coa Universidade de Santiago e o Colexio de Arquitectos de Galicia.

AVANTAR ACTIVIDADES

A área Rexurbe de Ribadavia incluirá todo o ámbito do Conxunto Histórico desta vila ourensá, que tamén conta con área de rehabilitación integral (ARI). Cunha superficie total de 0,108 quilómetros cadrados, segundo a memoria presentada polo concello dentro da nova área Rexurbe existen 459 edificios cun total de 709 vivendas. Deles 263 edificios atópanse en estado deficiente, malo ou ruinoso.

A través desta nova figura, o Concello de Ribadavia pretende realizar actuacións de rehabilitación e mellora de edificacións e trama urbana, que incidirán sobre a situación económica e social dos ámbitos da área Rexurbe e de toda a vila de Ribadavia.

Tamén en materia de rehabilitación, Heriberto García e César Manuel Fernández abordaron os resultados neste Concello da última convocatoria do programa Rexurbe, unha iniciativa cuxo obxectivo é favorecer a adquisición por parte da Xunta de inmobles deteriorados para rehabilitalos e destinalos a vivenda. Unha vez pechado o prazo para que os propietarios interesados presentaran as súas ofertas, o director do IGVS comunicoulle que se recibiron catro propostas, que a Xunta está a analizar agora antes de tomar unha decisión definitiva.

Parque empresarial

Por outra parte, o alcalde informou ao IGVS de que o concello xa contratou a redacción do plan parcial para a ampliación do parque empresarial da vila, tal como establece o protocolo asinado en xuño polo que o concello se compromete a realizar e aprobar a modificación do plan parcial e o IGVS encargarase do desenvolvemento do parque empresarial.