A executiva galega tamén acordou abrir a porta á presentación dunha moción de censura, delegando o traballo na comisión permanente, na secretaría de organización e nos órganos do partido na provincia
Os socialistas levarán a cabo durante a vindeira semana unha rolda de encontros coas diferentes formacións políticas da corporación municipal, co fin de establecer os termos concretos da iniciativa
A executiva provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e a comisión xestora da agrupación local da capital ourensá, veñen de dar o plácet ao inicio dos trámites necesarios para a presentación dunha moción de censura, que poña fin a etapa de “caos e desgoberno” no concello da terceira cidade de Galicia. Os socialistas levarán a cabo durante a vindeira semana unha rolda de encontros coas diferentes formacións políticas da corporación municipal, a fin de establecer os termos concretos dunha iniciativa que precisa da firma de, a lo menos, 14 dos 27 concelleiros e concelleiras.
A executiva nacional do PSdeG tamén abordou onte vernes a crise que vive o Concello de Ourense e acordou abrir a porta á presentación dunha moción de censura, delegando o traballo para acadar unha solución na comisión permanente, na secretaría de organización e nos órganos do partido na provincia. A dirección galega do partido solicita a todas as forzas políticas “que colaboren no desbloqueo da situación e poñan os intereses xerais da cidade por riba dos intereses partidistas”.
Desde o PSdeG-PSOE de Ourense instan a todos os partidos a “deixar de emendar o diálogo” para “resolver mediante o maior consenso posible esta crise”, que está a prexudicar fondamente o presente e o futuro. Tamén convidan aos grupos que están a frear os avances “por acción ou por omisión”, a acordar unha solución que permita un goberno “estable” e “responsable”. Os socialistas queren “devolver a cidade á normalidade” e por iso, logo de contar co aval dos órganos de goberno do partido, convocarán ao Partido Popular, Democracia Ourensana, Ciudadanos e Bloque Nacionalista Galego para “acadar unha solución óptima á maior brevidade”.
Os socialistas consideran “perentorio” lograr un acordo para “desbloquear unha situación de parálise inédita no país”, co obxecto de “construír un goberno municipal representativo do sentir maioritario da cidade que dea resposta ás necesidades da veciñanza de xeito responsable”, recordando que a candidatura encabezada por Rafael Rodríguez Villarino foi a máis votada nas últimas eleccións municipais. “O PSdeG-PSOE é a alternativa de goberno lexítima tal e como expresaron os cidadáns nas urnas”, conclúen.