Martín Seco critica a falla de reforzo da extinción e vixilancia, a descoordinación dos medios e a escasa profesionalización da investigación, mentres desatenden a prevención e o desenvolvemento forestal
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, acusou ao goberno galego de “resignarse a que chova” como política preventiva “para evitar que ano tras ano ardan as mesmas zonas de Galicia. Así o dixo no debate dunha interpelación no Pleno do Parlamento na que criticou a falla de reforzo nos medios de extinción e vixilancia nas zonas sensibles.
Seco tomou as declaracións do propio presidente da Xunta ao definir os lumes de setembro en Ourense como “un clásico”, ou do director xeral de Montes anunciando unha “forte actividade incendiaria” que finalmente se produciron, para criticar o desleixo da Xunta. Criticou que, malia coñecer da situación, deixaran sen reforzo os medios para evitar que preto de 10.000 hectáreas arderan na provincia só en setembro, 3.000 das cales dentro do Parque Natural do Xurés.
O responsable socialista reclamou “trocos na dirección xeral de Defensa do Monte e nas súas políticas” ante o seu fracaso á hora de reforzar a prevención e o desenvolvemento forestal. Acusou ao conselleiro do Medio Rural de “intentar mercantilizar todo o que toca” mentres renuncia a fomentar a actividade para evitar o abandono do rural e carece dun “verdadeiro plan de posta en actividade que mobilice terras e incentiven a produción e a xestión forestal”.
Criticou que dediquen “90 millóns de euros anuais en medios de extinción e tan pouca inversión en prevención e fomento do desenvolvemento forestal”, ao tempo que “meteron no caixón” a revisión do Plan Forestal acordado no Parlamento de Galicia en 2017 e que a día de hoxe seguen sen executar.
Descoordinación e escasa profesionalización
Martín Seco alertou das continuas denuncias por “unha falla sistemática de coordinación dos medios aéreos e terrestres” que atenderon o macizo central de Ourense durante os lumes de setembro, unidos ás múltiples baixas de axentes forestais sen cubrir, e a falla de axentes destinados á investigación, que resultan “completamente insuficientes”.
Reivindicou a “profesionalización do sector” mentres os técnicos de prevención e loita contra incendios están “desesperados e á espera de acordos”, desempregando un traballo de alto risco con infrasalarios e carecendo de equipamento material e técnico axeitado. En definitiva, resumiu, “todo isto deriva nunha maior descoordinación, menor eficacia e maior desprofesionalización duns traballos onde o perigo e o risco son unha constante”.