Este luns arranca en 181 puntos da provincia ourensá a campaña de vacinación fronte a gripe, considerada fundamental no contexto da pandemia

A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, e o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, presentan en rolda de prensa a campaña de vacinación antigripal 2020.

O Delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, fai un chamamento á poboación de risco para que se vacine e evitar así a posible coincidencia de ambas infeccións e a redución da carga desta enfermidade

Este ano, máis que nunca pola situación sanitaria, é fundamental concertar cita para a vacinación nos centros de saúde e non acudir directamente sen ser citado

AVANTAR ACTIVIDADES

A campaña prolongarase durante 11 semanas e rematará o 31 de decembro

A Consellería de Sanidade pon en marcha a campaña de vacinación fronte a gripe para minimizar o número e gravidade das complicacións derivadas do seu padecemento, que este ano adquire unha maior relevancia pola posibilidade de convivencia coa actual pandemia da covid-19.

Para os traballadores sanitarios a campaña comenzou o pasado luns. Para o resto dos galegos comezará o martes que vén, 13 de outubro, e a campaña prolongarase durante 11 semanas de xeito continuado ata o vindeiro 31 de decembro. Durante este tempo a vacina estará dispoñible en 181 puntos de vacinación públicos e privados desta provincia de Ourense: centros de saúde, hospitais, consultorios e centros médicos, residencias da 3ª Idade e centros de menores.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, indicou que a vacina é a mellor forma para protexerse fronte a gripe e evitar as complicacións asociadas á mesma, ao tempo que subliñou a importancia de vacinarse este ano. Así explicou que, no contexto da pandemia pola covid, poden coincidir ambas infeccións, “de aí que sexa fundamental acadar unha alta cobertura na poboación para a protección individual, por unha banda, pero tamén para cortar as posibles cadeas de transmisión e ao mesmo tempo facilitar a protección dos demais, e deste xeito, reducir a carga desta enfermidade”.

Alén lembra a importancia, este ano máis que nunca, de concertar cita para a vacinación nos centros de saúde e non acudir directamente sen ser citado.

A Consellería de Sanidade establece como obxectivos da campaña a vacinación igual ou superior ao 75% tanto da poboación de 65 e máis anos como dos traballadores sanitarios do Sergas, mentres que nas mulleres embarazadas e persoas con risco o obxectivo se sitúa en superar unha cobertura do 60%.

Poboación diana

A poboación diana da campaña á que se lle oferta gratuitamente a vacina son: as persoas de 60 ou máis anos, especialmente os de 65 ou máis anos ou as que convivan en institucións pechadas; as persoas de menos de 60 anos que teñen un risco de complicacións derivadas da gripe; e mulleres embarazadas ou ata os 6 meses seguintes ao parto, de non terse vacinado no embarazo. Ademais ofértase as persoas que lles poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións, como o persoal de centros sanitarios públicos e privados, traballadores de centros de maiores e dos servizos municipais de atención a domicilio ou estudantes nos períodos de prácticas en centros sanitarios, entre outros.

Tamén se lles recomenda a vacinación fronte a gripe aos traballadores esenciais para a comunidade e aqueles que están expostos a aves ou cerdos nas explotacións avícolas, porcinas e aves silvestres.

A Consellería de Sanidade conta con 865.830 doses de vacinas para Galicia nesta campaña, 200.000 máis que na pasada, e como principal novidade inclúese una nova vacina dirixida a poboación institucionalizada maior de 65 anos.

Datos da pasada campaña

Cómpre subliñar que a provincia de Ourense é a que nos últimos anos acadou o nivel de cobertura máis alto de toda a comunidade na poboación de 65 ou máis anos. En 2019 o 64,33% (dous puntos superior a campaña do 2018) fronte á media de Galicia do 60.42%. O 71.7% dos ourensáns maiores de 75 anos vacináronse na pasada campaña fronte ao 67.33% da media das 4 provincias.

A vacinación en embarazadas na pasada campaña superou en Galicia o obxectivo previsto de igual ou mais do 55%, chegando ata o 65% .

Programa de captación activa

Nesta campaña, ao igual que o ano pasado, segue a estar activo o programa de captación activa de poboación que o desenvolverá o persoal de Enfermaría de Atención Primaria na 3ª semana da campaña e estará dirixido á poboación de 65 a 74 anos de idade a través de chamadas telefónicas e o envío de sms masivos tamén a ese grupo de poboación. En 2019 realizáronse máis de 11. 000 chamadas en Galicia para esa captación activa (1.300 na EOXI de Ourense), e enviáronse ao longo de dous días máis de 226.000 sms.