• Os axentes levaron a cabo estes dispositivos no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas para evitar a propagación da covid-19
  • Estes dispositivos enmarcase no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade do Estado, cada unha no marco das súas competencias

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante esta fin de semana 47 dispositivos na provincia de Ourense no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19. Realizáronse 88 inspeccións en 9 concellos da provincia desde o pasado venres ata o luns, tramitáronse 69 denuncias e houbo 246 persoas identificadas.

Os dispositivos tiveron lugar nos municipios de O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Oímbra, Ourense, Coles, Rairiz de Veiga, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea e Verín. Os axentes levaron a cabo no conxunto da comunidade un total de 215 controis en 29 concellos, que deron como resultado 114 denuncias e 346 identificacións. Estes dispositivos enmarcase no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade do Estado, cada unha no marco das súas competencias.

As inspeccións centráronse no control de fumadores na rúa e en terrazas, aglomeracións, festas privadas, o uso obrigatorio da máscara e o cumprimento da distancia de seguridade, aforos, horario de peche e as medidas sanitarias en terrazas, espectáculos públicos e nos establecementos abertos ao público.