O Psdeg-Psoe de Ourense urxe ao concello que “limite o aforo” no servizo de autobuses urbanos e “tome medidas” ante a situación de alerta sanitaria que nos atopamos

Reclaman que se poña fin ao “descontrol e masificación” nos autobuses urbanos que poñen en risco a saúde de usuarios e traballadores ao non estar garantido o distanciamento social

Os socialistas propoñen que se reforcen de xeito “inmediato” as liñas co aumento de frecuencias nas máis demandadas ata a normalización da situación sanitaria, sumándose á solicitude dos veciños e veciñas de Seixalbo

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense urxe ao goberno municipal que tome medidas no transporte público da cidade ante o descontrol e a situación e alerta sanitaria que nos atopamos. As medidas solicitadas polos socialistas recaen en que se “reduza a ocupación actual dos buses urbanos a un 50%” durante o período necesario para o control da evolución da pandemia en Ourense. Unha medida que si se adoptaba durante o confinamento cando se reducira o aforo dos vehículos ao 30% e estaba garantida en todo caso a distancia entre pasaxeiros de 1,5 m, así como, co propio conductor. Do mesmo xeito, esixen que “sexan reforzadas as liñas con novos desprazamentos e frecuencias, que garantan a dispoñibilidade do servizo”, especialmente as liñas que van A Ponte, Seixalbo e a zona da Residencia, que son as máis masificadas.

Os socialistas recollen as situacións denunciadas nas últimas semanas por asociación de veciños como San Breixo de Seixalbo, quen solicita tamén o reforzamento das liñas de autobús 1, que se ve masificada nas horas puntas, chegando a deixar a veciños e veciños da cidade sen poder coller o transporte debido á masificación e o acinamento de persoas no seu interior, incumprindo totalmente as medidas de distanciamento social obrigatorias pola pandemia.

“A medida que o aumento de contaxios na cidade de Ourense provocou que parellamente se estableceran novas restricións legais de mobilidade como medida de choque para o control da evolución da pandemia, vimos observando escenas diarias de masificación e descontrol no servizo municipal de autobuses”, denuncian dende o seo socialista, vehículos ao límite de pasaxeiros, sen poder gardar o distanciamento social preceptivo entre eles nin co propio conductor, que provocan inseguridade no uso do transporte público por parte dos veciños e veciñas da cidade, e aumentan exponencialmente os riscos de posibles contaxios no momento crítico no que nos atopamos agora mesmo.

Dende o grupo municipal socialista amosan a súa total preocupación dado que “nos atopamos nun momento crítico da segunda ola da COVID” e coas situación climatolóxicas que empeorarán a situación “tanto do uso do transporte público como de casos positivos”, mentres dende o Concello de Ourense “non se volveron a adoptar medidas para a protección de usuarios e persoal a pesar das novas restricións impostas por parte da Xunta de Galicia”.

Neste momento, “a desidia e incapacidade” de Jácome e o seu equipo de goberno, fan que se dea unha situación de “alto risco” para os veciños coma para os propios traballadores da empresa concesionaria dos urbanos polo que os socialitas tamén requiren que se tomen as medidas oportunas para que todos os traballadores e as tralladoras “teñan acceso ás probas de control e diagnóstico como medida de prevención” -durante o confinamento se deron varios positivos en persoal da empresa concesionaria-, e que se “intensifique a limpeza e desinfección dos vehículos e tamén se reforce a dotación do material sanitario de hixiene no interior dos mesmos”.