O concello prepara a recepción de Papá Noel e Reis Magos no Nadal a través de videochamadas

Debido á situación de pandemia que se vive por causa do coronavirus, e tendo en conta que este ano non será doado celebrar no Nadal ningún evento presencial ou que conleve calquera tipo de aglomeración, a área de Cultura do concello do Carballiño elabora unha serie de alternativas para que os nenos e as familias podan contar coas tradicionais recepcións e salutacións de Papá Noel e Reis Magos sen perigo de contaxios.

Así, estase a botar man das tecnoloxías da comunicación para deseñar un proxecto no que os nenos e nenas poderán pedir os seus desexos a través dunha videochamada cunha previa inscrición online. No caso de que algunha familia non teña acceso a internet ou non conte cun dispostivos para inscribirse ou realizar videochamadas, poderá facelo a través dunha pantalla electrónica que se facilitará á entrada dos domicilios ou casas correspondentes.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta iniciativa, que terá un custe dez veces menor que as tradicionais carrozas e cabalgata de Papá Noel e Reis Magos, permitirá que os nenos e nenas podan saudar e trasladar as súas peticións a estas figuras institucionais tan salientables do Nadal sen que conleve ningún risco para a saúde.

A realización correrá a cargo dunha empresa especializada neste tipo de eventos, e nos próximos días daranse a coñecer os pormenores da mesma co obxectivo de facilitar a participación, que será sinxela e áxil, para que ninguén se quede fóra da experiencia.

ALUMEADO ARTÍSTICO

Así mesmo, ultímase o procedemento para adxudicar o alumeado artístico do Nadal, que este ano ampliarase a máis rúas e prazas, e contará cunha iluminación especial para o templo da Veracruz, símbolo arquitectónico do Carballiño.