A campaña ‘Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual’ percorre diferentes concellos galegos con obradoiros de sensibilización

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou en Outeiro de Rei o stand co que a Xunta busca informar e sensibilizar á poboación en xeral contra a violencia sexual

A iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade inclúe diferentes talleres e actividades lúdicas dirixidas a todas as idades

AVANTAR ACTIVIDADES

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe en Outeiro de Rei o stand da campaña Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual, que nos próximos días rotará por distintos concellos galegos que forman parte da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero e que solicitaron participar nesta iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade.

No stand ofrécese á cidadanía participar en diferentes obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas, sempre cumprindo con toda a normativa de prevención contra a covid-19. Todos os talleres son inclusivos e están dirixidos a todas as idades. No caso do público infantil, hai un espazo especial destinado a dinámicas adaptadas á súa idade.

Os obradoiros están divididos en áreas de traballo con contidos concretos co obxectivo de sensibilizar á poboación contra a violencia sexual. Entre as temáticas que se abordan destacan o desmantelamento de estereotipos de xénero co obxectivo de combater o sexismo desde a infancia; mitos sobre o amor; alerta de micromachismos; a parella e a igualdade; autoestima e valoración persoal; violencia e novas tecnoloxías; educación en igualdade; e a importancia de estar informados.

A rede de entidades locais contra a violencia de xénero creouse en 2012 a través dun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Na actualidade hai 211 municipios adheridos que impulsan, en coordinación coa Administración autonómica, accións de sensibilización e concienciación contra a violencia de xénero, como o stand que se pode visitar hoxe en Outeiro de Rei.