Celanova mantén baixos os seus índices de criminalidade

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o alcalde de Celanova, Antonio Puga, copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade, na que se realizou unha análise da seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero no concello.

Publicidade

En primeiro lugar, o subdelegado do Goberno quixo agradecer o traballo e o esforzo das forzas e corpos de seguridade para garantir tanto a seguridade cidadá como o cumprimento das medidas sanitarias e incidiu na importancia de manter a excelente colaboración existente entre a Garda Civil e a Policía Local.

No tocante á seguridade cidadá, Emilio González sinalou que “o índice de criminalidade en Celanova mantense en niveis baixos, o que fai deste un concello seguro e tranquilo en relación a municipios de poboación similar”. O subdelegado do Goberno indicou que se observa un lixeiro incremento dos delitos leves e menos graves contra o patrimonio e contra as persoas, así como dos delitos telemáticos. Sen embargo, as infraccións administrativas presentan unha tendencia á baixa.

En canto aos datos rexistrados no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén), actualmente no concello de Celanova hai sete casos activos. Un deles presenta risco alto, un risco medio, tres risco baixo e dous risco non apreciado. En canto ás medidas xudiciais, dous casos presentan medidas de prohibición de aproximación e tres presentan medidas de prohibición de aproximación e comunicación.

No relativo ao Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas, o subdelegado do Goberno salientou a necesidade de impulsar a participación do alumnado e dos proxenitores nestas actividades, polo que durante o presente curso reforzaranse os mecanismos de comunicación e colaboración coa comunidade educativa co fin de ofrecer distintos recursos cos que informar e formar aos participantes sobre acoso escolar; uso das novas tecnoloxías; consumo de drogas e alcol; violencia de xénero; condutas  incívicas, violentas e vandálicas; e racismo, xenofobia e intolerancia, entre outras temáticas.

Así mesmo, as forzas e corpos de seguridade seguirán realizando dispositivos de vixilancia e control nas inmediacións dos centros educativos para previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.