Manuel Baltar convocará para o 17 de novembro o pleno do debate sobre o estado da provincia

IES CHAMOSO LAMAS

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, convocará para o vindeiro 17 de novembro o pleno do debate sobre o estado da provincia, correspondente ao ano 2020. Os portavoces dos grupos políticos da institución provincial foron informados hoxe sobre a data do debate, na reunión que celebraron no Pazo Provincial. 

HIPER MASIDE

O debate terá un formato similar ao que se vén desenvolvendo nestes anos, respectando nesta edición as normas de prevención fronte ao COVID-19, e será o sexto, tralos que tiveron lugar en 2014, 2016, 2017, 2018 e 2019 –en 2015 non se celebrou por coincidir en período pre-electoral-, sendo a Deputación de Ourense o primeiro goberno provincial de Galicia e un dos primeiros de España en realizar un debate destas características. 

Esta iniciativa, contemplada no Código Ético e de Conduta da institución provincial, “incide no compromiso de goberno aberto e transparencia coa cidadanía por parte da Deputación de Ourense, por medio dun debate plenario para analizar a situación actual da provincia e os proxectos e propostas dos grupos políticos na corporación provincial”, afirma o presidente Baltar. 

Xunta de Goberno 

Por outra banda, a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe, na reunión celebrada por videoconferencia, achegas por importe de máis de 730.000 euros para obras de remodelación, saneamento e mellora de estradas en diferentes concellos da provincia: O Bolo, Toén, Monterrei e Riós, ademais proxectos culturais e de servizos sociais, e a modificación do Plan provincial para a ampliación da rede de saneamento en Sobrado, no Concello de Barbadás. 

Dentro do apartado cultural, a xunta de goberno deu luz verde a unha subvención en favor da Corporación Radio e Televisión de Galicia para a colaboración na serie de ficción “Lobos e Cordeiros”, por importe de 300.000 euros, e outra subvención para a Fundación Gavela para servizo de protección xurídica para persoas con discapacidade por enfermidade mental, por importe de 60.000 euros. 

Tamén aprobou a simplificación na xustificación do concurso público para a concesión de 

subvencións a clubs deportivos e para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas, correspondentes ao exercicio 2020, e a subvención directa de 3.000 euros por razóns de emerxencia social para reconstrución dunha edificación no Concello de Cualedro.