O Grupo Socialista esixe no Parlamento “condicións laborais dignas” para os traballadores e traballadoras das residencias públicas de maiores

Paloma Castro lamenta que a conselleira de Política Social non acceda a reunirse co persoal, en folga dende o mes de marzo

A voceira de Función Pública do Grupo Socialista, Paloma Castro, levará ao Parlamento as reivindicacións dos traballadores e traballadoras das residencias públicas de maiores que demandan “condicións laborais dignas” para garantizar o benestar dos maiores. Tras unha xuntanza cos responsables sindicais de UXT, CIG, CCOO e CSIF, Castro esixiu á conselleira de Política Social que acceda a reunirse co persoal, que está en folga dende o mes de marzo e “solicitou hoxe, por décimo oitava vez, unha xuntanza”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Castro amosou o seu apoio aos traballadores e traballadoras “que reivindican que a reposición dos dereitos laborais retraídos trala instauración da Lei 1/2012”, que “teoricamente tiña un carácter temporal pero que se converteu en indefinida”. Neste senso, a responsable socialista urxiu tamén a necesidade de incrementar os cadros de persoal das residencias públicas.

A responsable socialista esixiu que se reformulen os protocolos de actuación das residencias “contando co coñecemento e a experiencia” dos cadros de persoal das residencias públicas, que foron excluídos á hora de elaborar os protocolos actuais. Ademais, lamentou que, neste momento, “as residencias públicas da Xunta non están a cumprir os seus propios protocolos”, o que provoca “fallas nos cribados das PCR” e un elevado número de contaxios.

Por último, a responsable socialista amosou a o seu apoio ao persoal das residencias públicas de maiores e lamentou que “non se poña en valor o traballo deste colectivo”, que está a facer “unha tarefa imprescindible durante esta pandemia”. Castro avanzou que o Grupo Socialista presentará unha batería de iniciativas no Parlamento para sumarse ás reivindicacións do colectivo.