
“Cara á estrema do eido” é o título da exposición que hoxe se inaugura no centro cultural “Marcos Valcárcel” e nas que o pintor, Fiz Valcárcel, ofrece 50 pezas que recollen a súa traxectoria artística dende os anos 70 ate a actualidade. Fiz participou nos primeiros movementos das vangardas galegas, dende o ano 1974, pero posteriormente estivo moitos anos alonxado do panorama expositivo aínda que nunca deixou de pintar e, sobre todo, de debuxar. Deste xeito, a mostra recolle traballos datados entre 1974-1987 e as creación máis recentes, entre os anos 2014 e 2020.
Comisariada por Antón Sobral, esta mostra “é una evidencia de que Ourense, que ten tradición de ser lugar de grandes artistas e grandes creadores ao longo da súa historia, hoxe en día segue a manter esa tradición con artistas actuais” dixo Sobral, quen salientou a importancia do debuxo na obra de Fiz Valcárcel e o feito de que se trata dun artista “con identidade propia, claramente recoñecible”.
Sobral cualificou ao centro cultural como “exemplo en Galicia de apoio á arte galega e aos artistas locais, algo que non sucede noutros lugares”. Fiz Valcárcel, irmán de Marcos Valcárcel, salientou a emoción que para el supón volver ás salas de exposicións no centro que leva o nome de seu irmán e facelo cando se están a cumplir 10 anos do seu pasamento. Tamén insistiu na importancia do local e no desexo de “conseguir facer un certo contrapeso con todo o que nos ven de fóra”.
O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, cualificou como “magnífica” a exposición e fixo alusión ás influencias de artistas como Prego, quen foi mestre do pintor. Tamén aludiu á “alegría e á dozura da pintura nestas datas tan tristes e escuras”.