A foto publicouse o 1 de novembro de 2018. Recolle o momento en que se presentaron no Concello de Celanova sinaturas de apoio de centos de veciñas e veciños a unha solución para os problemas que xera a OU-531 no tramo de Mandrás. Foi a última acción significativa para esixir unha intervención pública que, dous anos despois, nin se produciu nin parece que haxa intención de acometer.
A pregunta 50.093
En xuño de 2018, o BNG elevou á Comisión 2ª de Ordenación Territorial e Obras Públicas unha pregunta sobre as actuacións previstas polo Goberno galego “para arranxar os problemas de accesibilidade e seguridade denunciados pola veciñanza de Mandrás, en Celanova, afectada polo novo trazado e acondicionamento da estrada OU-531”.
Na pregunta, o BNG lembraba que a veciñanza viña desenvolvendo “accións reivindicativas na procura dunha resposta por parte das administracións que non acaba de chegar”. Entre estas accións sinalábanse a constitución dunha comisión mixta no Concello, a recollida de sinaturas entre as veciñas e veciños, e unha reunión no mes de febreiro daquel ano coa delegación territorial da Xunta de Galiza en Ourense.
Naquela altura, o BNG constataba que “non se ten avanzando na cuestión”, e reclamaba “unha mesa tripartita Xunta-Concello-veciñanza na procura dunha solución consensuada”.
A resposta: non hai alternativa
O 26 de xullo celebrouse a comisión. A deputada nacionalista Noa Presas interpelou o director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas [aquí o vídeo: https://bit.ly/3mG0VUW]. O responsábel manifestou que se impide o xiro a esquerda na circulación sentido Xinzo á altura de Mandrás por considerarse pouco seguro. Subliñou que “non hai un problema de accesibilidade” e insistiu en que a estratexia da Axencia é “evitar puntos de xiro á esquerda”.
Para a Axencia, afirmou, “a única alternativa é recorrer 700 metros”. E sobre o calmado da velocidade o tráfico, dixo que “a velocidade é axeitada para un treito dese tipo porque non debemos tomar medidas que non se axusten á realidade que percibe un condutor, e a percepción que ten un condutor neste treito é de circulación interurbana”.
Noa Presas lamentou que tanto o goberno municipal de Celanova (daquela en mans do PP) como os responsábeis políticos da Xunta que asistiron á reunión na delegación territorial lles tiveran dado unhas esperanzas ás veciñas que despois non cumpriron.
Dous anos despois: contra a resignación
Pasaron dous anos, mais o BNG de Celanova non renuncia ás melloras para Mandrás –nin nesta nin noutras cuestións (como o abastecemento, que segue pendente)–. Pasaron dous anos e a decepción da veciñanza é comprensíbel, mais o BNG de Celanova pensa que é preciso evitar a resignación.