Plácido Álvarez denuncia “o alarde de acusacións” do PSOE que logo “ofrece cheques en branco para os seu intereses”

O portavoz popular criticou “a falsidade da suposta defensa dun reparto xusto dos fondos públicos logo de escoitar o relato da deputada Monserrat Lama sobre as inauditas propostas que lle fixeron para apoiar unha fracasada tentativa de moción de censura na Deputación.

O portavoz do grupo provincial popular Plácido Álvarez, vén de denunciar “o alarde de acusacións” dos socialistas no pleno ordinario da Deputación de Ourense celebrado hoxe, que “cualificou como un rexeitable exemplo de intolerancia ao non respectar a lexitimidade dos acordos adoptados pola corporación provincial”, ao tempo que puxo de manifesto “a falsidade da súa suposta defensa dun reparto xusto dos fondos públicos logo de escoitar o relato da deputada Monserrat Lama sobre as inauditas propostas que lle fixeron para apoiar unha fracasada tentativa para presentar unha moción de censura na Deputación”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Álvarez insistiu na “tolemia destrutiva” na que está instalado o grupo provincial socialista, e nomeadamente os deputados Villarino e Gómez, “que reparten acusacións a destra e sinistra contra todos aqueles que non comulgan cos seus plantexamentos, descubríndose logo como ofrecen cheques en branco cos recursos públicos da Deputación para conseguir apoio aos seus intereses partidistas e partidarios”. 

Para o portavoz popular, a teima da oposición socialista co reparto dos fondos da Deputación de Ourense “só agocha a súa intención de regular absolutamente todo, como está a facer o presidente do seu partido no goberno do Estado, tratando de exercer o máximo control sobre as institucións onde non gobernan e tentando asaltar o poder pola porta de atrás, e non coa lexitimación das urnas”. 

O grupo provincial socialista, dixo, “amosa a súa incoherencia cando predica unha cousa na Deputación o logo aplaude a inxustiza dos orzamentos xerais do Estado, que premian a Cataluña, e os baixos investimentos reservados para Galicia, que impedirán avanzar en infraestruturas esenciais para a provincia de Ourense e sobre todo para a comarca de Valdeorras como a A-76, ou  ter unha comunicación deste século con Lugo a través da A-56”. 

Plácido Álvarez pregúntase cales son os criterios obxectivos “que reclaman os deputados Villarino e Gómez para un novo sistema de financiamento autonómico ou, sobre todo, para o reparto dos fondos europeos, cando no seu momento quixeron apropiarse dos aforros dos concellos”, ao tempo que expresou a súa perplexidade “ao comprobar como queren reventar a autonomía de goberno das deputacións pretendendo que a FEMP e o Goberno central digan como se teñen que xestionar as institución locais”. 

O portavoz do PP lanzou ademais unha mensaxe de apoio aos servizos de Intervención da Deputación, dos que destacou a súa profesionalidade, “fronte as acusacións do señor Gómez de dirixir o traballo dos técnicos, que nun detallado e ben fundamentado documento propuxeron o rexeitamento das alegacións do PSOE aos orzamentos da Deputación de 2022”.