O Psdeg-Psoe deposita nunha notaría a moción de censura e insta a todos os grupos políticos a dar un paso á fronte para rescatar a Ourense do caos

“Non hai outro xeito de cambiar o goberno se non é asinando unha moción”, resaltou Villarino rodeado do grupo municipal tras reclamar aos partidos “deixar a un lado as prebendas e os cálculos partidistas”

Fixeron un “chamamento” ao resto de forzas para que “se sumen á firma” e actúen con “responsabilidade e a altura de miras” ante o “clamor da cidadanía” que pide “sacar a Ourense do bloqueo”

AVANTAR ACTIVIDADES

AUDIO ( Premer na Imaxe )

VIDEO ( Premer na Imaxe )

O PSdeG-PSOE depositou esta mañá nunha notaria unha moción de censura e insta, unha vez máis, a todos os grupos políticos da corporación local a dar un paso á fronte, asinando o texto para que poida ser presentado no rexistro municipal co fin de rescatar a Ourense do caos. Os nove edís do grupo municipal asinaron a iniciativa para rematar co “microgoberno” de Jácome, logo do “esperpento” provocado polo PP ao facer alcalde ao propietario de DO só por intereses partidistas.

Unha moción de censura liderada polo Partido Socialista que representa “un paso de honestidade e responsabilidade” coa cidadanía de Ourense, tal e como aseverou o voceiro municipal, Rafa Villarino. “Este é o único acto posible” para “cambiar o actual goberno” e sacar ao concello da terceira cidade de Galicia do “desgoberno e da parálise” na que se atopa. O voceiro insistiu en que Jácome “non pode seguir de alcalde” nin “un goberno de tres persoas pode liderar e representar” á cidade.

Os socialistas fixeron un “chamamento” ao resto de forzas políticas do concello para que “se sumen á firma do documento” e actúen con “responsabilidade e altura de miras por parte de todos e todas” ante o “clamor da cidadanía” que pide “sacar a Ourense do bloqueo”. “Non hai outro xeito de cambiar o goberno se non é asinando unha moción”, resaltou o voceiro rodeado de todo o grupo municipal. Villarino reclama aos partidos que “deixen a un lado as prebendas e os cálculos partidistas” e “poñan por diante sacar a Ourense do bloqueo” no que se atopa sumida. “Quen queira cambiar o goberno de Jácome soamente ten a opción de apoiar a moción presentada polo Partido Socialista”, que é a forza máis votada e a única capaz de “rescatar a Ourense do caos”.