A provincia de Ourense disporá de 23 máquinas quitaneves e 5.494 toneladas de sal para atender os 500 km de estradas do Estado

A Subdelegación do Goberno en Ourense acolleu no día de hoxe a reunión da Comisión de Coordinación Provincial para a seguridade viaria en situacións extremas para revisar e actualizar o Protocolo de actuación na provincia. O obxectivo é reducir en todo o posible o número de tramos con restricións ao tráfico e evitar as retencións de vehículos ou, no seu caso, minimizar a súa duración.

Publicidade

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, destacou o importante despregue de medios nesta campaña 2020-2021 na provincia con 23 camións quitaneves (18 son quitaneves convencionais e 5 son camións espalladores de salmoira) para asegurar a viabilidade da circulación nos 500 km da Rede de Estradas do Estado na provincia (330 km corresponden a estradas convencionais e 170 a autovías) ante a predición de precipitacións en forma de neve ou outras situacións meteorolóxicas extremas.

Do mesmo xeito, atópanse almacenadas 5.494 toneladas de sal e 110.000 litros de salmoira. Ambas cantidades son correspondentes ás provisións iniciais e poderán ser aumentadas a medida que decorra o inverno.

En canto ao persoal implicado, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través da Demarcación de Estradas do Estado na provincia de Ourense, conta con 62 persoas dispoñibles para o mantemento das vías, das que 46 son condutores especializados en quitaneves. A eles poderanse sumar, cando sexa preciso, os 110 axentes da Subsector de Tráfico da Garda Civil e o persoal da Dirección Xeral de Tráfico na provincia.

Por último, tamén se dispón de 16 estacións meteorolóxicas distribuídas pola provincia e 18 cámaras repartidas polas estradas nacionais e nas autovías da provincia que permitirán coñecer de forma inmediata as condicións meteorolóxicas e a situación do tráfico nas estradas.

A estes medios súmanse os despregados pola Xunta de Galicia e pola Deputación de Ourense.

PARTICIPANTES

Na reunión estiveron presentes representantes de todos os organismos implicados e das forzas e corpos de seguridade do Estado. Á mesma asistiron o Delegado Territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro; o xefe provincial de Tráfico, David Llorente Rey; o xefe da Unidade de Estradas do Estado, Álvaro Rodríguez Aguiar; o comisario xefe provincial da Policía Nacional, Juan Carlos Blázquez; o tenente coronel xefe interino de Operacións da Garda Civil, José Fermín Díaz Silva; o tenente xefe do Destacamento de Tráfico de Verín, Juan Carlos Nogueiras Iglesias; o representante da FEGAMP, Luis Milia Méndez; a directora da Área de Infraestruturas da Deputación de Ourense, Marta Docampo González; e a técnica do Servizo Provincial de AXI, Natalia Varela Casal.

RECOMENDACIÓNS

Emilio González apelou ao “respecto ás normas de tráfico, responsabilidade ao volante e á adopción de medidas de protección ante temporais de neve e frío”, incidindo na necesidade de consultar as predicións meteorolóxicas e o estado das estradas cando se vaia a realizar calquera desprazamento a través da páxina web da Dirección Xeral de Tráfico (www.dgt.es.) ou no teléfono 011.