O parlamento aproba unha proposta socialista para pedirlle á Xunta un plan de xestión do xabaril e control biosanitario nas fronteiras para evitar a chegada de peste porcina

Martín Seco reclama un plan de indemnizacións eficaz polos danos provocados por esta especie para superar o “desleixo” da Xunta

Publicidade

A Comisión de Agricultura do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que consensúe co sector e poña en marcha un verdadeiro Plan de Xestión do xabaril para “controlar e estabilizar á súa poboación”. O portavoz de Agricultura, Martín Seco, reclamoulle ao goberno galego que extreme o control biosanitario nas fronteiras para previr a chegada de peste porcina a Galicia e que foi rexeitada polo PP.

O responsable socialista denunciou o “desleixo” demostrado polo goberno galego fronte a un problema que está a xerar continuos danos nos cultivos de horta e forraxe, ata o punto de comprometer a viabilidade de explotacións, como nas estradas. Explicou que o xabaril se ten convertido nunha das principais causas de sinistralidade viaria, con 1.805 accidentes no ano 2019.

Criticou que o goberno galego teña renunciado a convocar as axudas polos danos ocasionados por estes animais en cultivos agrícolas dende 2016, que só recuperou “co esperpento de cartas enviadas a poucos días das eleccións anunciando a aprobación de axudas económicas por danos ocasionado polo lobo e o xabaril que foran denegadas en xuño”. Sen embargo estas axudas foron anunciadas “sen indicar orzamento nin prazos para levalo a cabo”.

A proposta aprobada hoxe inclúe a petición dun Fondo de Corresponsabilidade e un plan de indemnizacións dos danos ocasionados por este animal, así como un Plan de Indemnizacións. Tamén incorpora e a reclamación á Xunta para que resolva os problemas que rexistra o teléfono 012, que é a única vía para tramitar as axudas pero as persoas afectadas ven en ocasións imposible contactar, co que non poden presentar as solicitudes antes das 72 horas esixidas.

O parlamentario socialista propuxo a reforma do sistema de recollida de información por parte da Consellería, que permitiría que as capturas sexan un indicador fiable da situación da especie e orientar unha xestión adecuada. Salientou a necesidade de “deixar claro que a cota establecida nos Plans de Aproveitamento é orientativa que ao parecer a Consellería utiliza como estima poboacional unicamente”.

Tamén apuntou á necesidade de cambiar a normativa sobre as actuacións permitidas aos Tecor para prever danos, flexibilizar as restricións das axudas da PAC por greening, a instalación de comedeiros antes da sementa ou plans de solta de cans como medida demitigación.

Peste porcina

A proposta aprobada hoxe inclúe ademais pedirlle á Xunta que extreme o control biosanitario nas fronteiras para previr a chegada da peste porcina a Galicia, ademais dun plan de continxencia ante a posibilidade de que aparecera un caso en Galicia. Malia que a enfermidade non é transmisible ás persoas, a súa chegada podería supor danos “dramáticos” para o sector do porcino galego, que exporta o 70 por cento da produción e supón 1,2 millóns de cabezas en 25.500 explotacións.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta a que siga a traballar para:

1- Poñer en marcha un Plan de Xestión do Xabaril para controlar e estabilizar a súa poboación, consensuado cos sectores afectados e implicados.

2- Poñer en marcha un Fondo de Corresponsabilidade dotado economicamente de xeito suficiente para o pago das axudas por danos, e de medidas preventivas.

3- Establecer un Plan de Indemnización dos danos causados polo xabaril nos terreos agrícolas e de axudas para as medidas preventivas para evitar estes danos (rozas perimetrais)

4- Solucionar o colapso do teléfono 012 de atención e información á cidadanía, que está a impedir que as persoas afectadas polos danos dos xabarís nos cultivos, poidan solicitar as axudas dentro do prazo de 72 horas que marca a normativa da Consellería de Medio Ambiente e dar solucións ás persoas afectadas por dito colapso que non puideron tramitar as axudas por dito motivo.

5- Extremar o control biosanitario nas fronteiras para evitar a chegada de partidas de carne de porco que puidesen vir contaminadas co virus (PPA), ademais de elaborar un Plan de Continxencia ante a posibilidade de que aparecese un caso en Galicia”.

proposición non de lei

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa do seu deputado e da súa deputada, Martín Seco García e Carmen Rodríguez Dacosta, a través do portavoz e ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta ante esa mesa a seguinte proposición non de lei para o seu debate na Comisión 7ª.

Nos últimos anos as noticias dos danos producidos polo xabaril son continuas e nestas datas despois da situación de confinamento vivida trala chegada da covid-19, agravouse a situación. O xabaril  leva moito tempo entre nós como testemuñan os documentos históricos, arquitectónicos e outras pegadas sobranceiras da nosa cultura material e inmaterial. Este mamífero que ten unha grande capacidade de desprazamento e adaptación a todo tipo de hábitats, encontrou no abandono das terras e do medio rural en xeral o agocho perfecto para a súa expansión. A proliferación do bosque e mato recrean o escenario perfecto para a súa reprodución con tendencia ao crecemento exponencial axudado pola pouca incidencia do único depredador natural que ten: o lobo.

En paralelo ao abandono do rural e o decaemento da actividade agrogandeira a poboación desta especie animal foise apoderando do territorio e entrando en conflito coas actividades do sector primario e mesmo coa circulación viaria. Os danos xerados en praderías e cultivos (como a pataca, millo forraxeiro e fundamentalmente do país e outros cereais) aos que nos últimos anos se lle engadiron as desfeitas no viñedo de varias denominacións de orixe son os efectos máis salientables da difícil convivencia entre estes animais e as actividades agrogandeiras que en determinados casos e zonas provocan tal impacto negativo que mesmo comprometen a pervivencia do traballo no sector.

A presenza do xabaril, ponse xa de manifesto ata en zonas urbanas como manifestan multitude de alcaldes que denuncian os danos que este mamífero xera nas súas zonas verdes e a inseguridade que orixina na súa poboación.  O xabaril, no tema de tráfico, tamén ampliou o seu radio de actuación ata ser, a día de hoxe, unha das principais causas da sinistralidade viaria, ata o 5 de setembro de 2019 producíronse 1.805 accidentes de tráfico relacionados con este mamífero, máis de sete ao día.

En 2019 os danos orixinados nos cultivos de horta e forraxe, especialmente no millo do país, foron moi elevados, causando que algúns gandeiros abandonaran o millo por outras alternativas ou simplemente por non plantalo. O desleixo  da Administración autonómica fixo que desde o ano 2016 ata o 2019, outra vez coincidindo coa convocatoria de eleccións o Goberno galego renunciase a convocar as axudas polos danos ocasionados polo xabaril en cultivos agrícolas e visualizar o esperpento da Consellería coas cartas enviadas a poucos días das eleccións anunciando a aprobación de axudas económicas para a prevención de danos causados por lobos e xabarís que foran denegadas no mes de xuño e todo sen indicar orzamento nin prazos para levalo a cabo.

Por outra banda, os cidadáns que estes días teñen necesidade de recorrer ao servizo do teléfono 012 para iniciar trámites administrativos, estanse a atopar con que o sistema os pon en espera ata que transcorre o tempo máximo e a chamada se cancela, tendo que volver a se repetir as chamadas de xeito infrutuoso. Isto está a facer que as persoas afectadas polos danos da fauna salvaxe que queiran solicitar axudas polos danos causados á Xunta de Galicia non poidan iniciar a tramitación do expediente e se lles cancele o prazo; xa que a propia “Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2020” establece que os afectados e as afectadas teñen 72 horas de prazo para dar parte no sistema telefónico de avisos do 012; a través do cal se lles asigna número de expediente, concértase a visita de inspección de danos polos axentes medioambientais, e o inicio do prazo de presentación da solicitude.

Hai poucas datas confirmouse o primeiro caso confirmado de peste porcina africana (ou PPA) polo Ministerio de Agricultura de Alemaña, transmitido por un xabaril salvaxe localizado na fronteira con Polonia. Feito que xa provocou o peche das exportacións de porcino alemán a mercados asiáticos como Corea do Sur.

Este incidente fixo saltar xa todas as alarmas no sector porcino español. Aínda que esta enfermidade só afecta aos porcos e en ningún caso ten ningún efecto algún sobre a saúde das persoas, obriga a unha serie de controis moi exhaustivos para a súa vixilancia, o que implicaría igualmente o cese inmediato das exportacións no caso de que se dese unha situación análoga no noso país.

Hai que ter en conta que detrás de Estados Unidos e Alemaña, España é o terceiro país exportador mundial de carne de porcino. Especialmente ao mercado chinés, onde precisamente a presenza da PPA nos últimos anos supuxo unha brusca caída da produción desta carne, producíndose un importantísimo tirón das exportacións mundiais cara ao mercado chinés e unha alza de ata o 46 % no prezo da carne de porco, así como risco de desabastecemento. A facturación das exportacións do sector porcino español superaron os 6.200 millóns de euros no ano 2019.

Unha chegada da PPA a Galicia por unha mala xestión das poboacións de xabaril, impactaría de xeito dramático no sector porcino galego, que actualmente exporta ata un

70 % da súa produción cara o exterior, supón 1,2 millóns de cabezas e 25.500 explotacións; das cales unhas 1.150 son profesionais con vocación exportadora. A facturación das exportacións do sector porcino galego superaron os 95 millóns de euros

no ano 2019.

As consellerías do Medio Rural e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda con competencias en sanidade animal e no control das poboacións de xabaril, deben elaborar unha estratexia que faga da prevención da PPA unha das súas prioridades. Debemos contar cun plan serio de control das poboacións de xabaril,  actualmente descontroladas e en expansión e extremar o control biosanitario nas fronteiras para evitar a chegada de

partidas de carne de porco que puideran vir contaminadas co virus, ademais de ter un plan de continxencia ante a posibilidade de que aparecese un caso en Galicia.

Por  iso,  o  Grupo  Parlamentario  dos  Socialistas  de  Galicia  presenta  a  seguinte proposición non de lei:

O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a:_

1º) Poñer en marcha un plan de xestión do xabaril para controlar e estabilizar a súa poboación, consensuada cos sectores afectados e implicados.

2º) Poñer en marcha un fondo de corresponsabilidade dotado economicamente de xeito suficiente para o pago das axudas por danos, e de medidas preventivas.

3º) Establecer un plan de indemnización dos danos causados polo xabaril nos terreos agrícolas e de axudas para as medidas preventivas para evitar estes danos (rozas perimetrais)

4º) Solucionar o colapso do teléfono 012 de atención e información á cidadanía, que está a impedir que as persoas afectadas polos danos dos xabarís nos cultivos, poidan solicitar as axudas dentro do prazo de 72 horas que marca a normativa da Consellería de Medio Ambiente e dar solucións ás persoas afectadas por dito colapso que non puideron tramitar as axudas por dito motivo.

5º) Extremar o control biosanitario nas fronteiras para evitar a chegada de partidas de carne de porco que puidesen vir contaminadas co virus (PPA), ademais de elaborar un plan de continxencia ante a posibilidade de que aparecese un caso en Galicia