A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, finalizou o pasado 30 de outubro a consulta pública do Esquema provisional dos Temas Importantes ( EpTI) en materia de xestión das augas da parte española da demarcación do Miño-Sil. A participación foi elevada, recibíronse un total de 44 escritos de propostas, observacións e suxerencias, fronte aos 23 recolleitos no período de consulta do EpTI do ciclo anterior 2015-2021. Estas observacións foron formuladas por administracións públicas, asociacións en defensa dos intereses ambientais, comunidades de regadores, particulares, empresas, colexios profesionais etc. e nelas móstranse diferentes propostas para resolver os distintos problemas existentes desde distintos puntos de vista. Os escritos versan principalmente sobre caudais ecolóxicos, actividade mineira, alteracións hidromorfológicas, a xestión forestal e a súa afección ás masas de auga, os aproveitamentos hidroeléctricos, os regadíos, a contaminación puntual e difusa, a acuicultura, a xestión das augas subterráneas, a satisfacción de demandas dos diferentes usos da auga; así como o impacto do cambio climático nos recursos hídricos e o cumprimento dos requisitos adicionais esixidos nas zonas protexidas como a Rede Natura 2000. Así mesmo, ponse de manifesto a preocupación polos ecosistemas dependentes do medio hídrico, pola coordinación entre as diferentes administracións con competencia en materia de xestión das augas á hora de afrontar os programas de medidas e a mellora da gobernanza. Neste momento, a CHMS está a analizar cada unha das suxerencias/alegacións/propostas recibidas, que serán respondidas de forma particularizada e incorporaranse ao documento consolidado as que se consideren máis apropiadas, buscando o máximo grao de acordo nas solucións para aplicar a cada un dos 16 temas importantes e o máximo cumprimento posible dos obxectivos ambientais para conseguir o bo estado de todas as masas de auga da demarcación. Unha vez incorporadas os textos ao esquema de temas importantes, este será presentado ao Consello da auga da demarcación para que formule o seu preceptivo informe e así pasar á última fase do proceso de planificación hidrolóxica que será a consulta pública do proxecto de plan 2021-2027.