O PSOE e CxG de Punxín piden un pleno extraordinario

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Punxín e Compromiso por Galicia veñen de solicitar a celebración dun pleno extraordinario no Concello, con motivo da nova coñecida nos últimos días, trala publicación no DOG, da extinción da Fundación Benigno Quiroga, na que os concelleiros do goberno municipal, composto polo Partido Popular e Ciudadanos, forman parte a través do padroado. As dúas concelleiras socialistas e o concelleiro de CXG esixen a rectificación por parte dos membros do padroado da decisión que adoptaron e acúsanos de actuar “coma sempre fan, de forma escurantistas e de costas á veciñanza de Punxín”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE en Punxín considera que se están a incumprir os propios estatutos da Fundación Benigno Quiroga, así como a actual lexislación para a súa extinción e manifestan “total rexeitamento” a esta decisión levada a cabo polo goberno municipal. Tamén consideran de “extrema gravidade” que o Goberno municipal deixe nas mans da Consellería de Cultura, Educación e Universidades a distribución dos bens e dereitos da Fundación, entre os que se atopan os terreos e o edificio que actualmente alberga á escola de Punxín. As socialistas esixen a rectificación ou procederá a interposición dun recurso de reposición contra a orde publicada no DOG con data 2 de novembro.

As socialistas remarcan que levan máis dun ano pedíndolle o goberno municipal que forman en Punxín, o PP e Ciudadanos, que “se poña a traballar” e critican que “parece que cando se poñen a traballar fano para desfacer, desfacer o que tanto traballo levaron os veciños e as veciñas de Punxín en construír”. A voceira do PSdeG no municipio, Lorena Peleteiro, sinala que a Fundación Benigno Quiroga “constitúe unha honra e un orgullo para a veciñanza, así como un símbolo de agradecemento ao seu fundador, coa que pretende acabar sen ningún reparo o actual goberno municipal de Punxín”.

Dende o PSdeG-PSOE en Punxín lembran a súa vez, que o 26 de setembro de 2019 denunciaron o nomeamento do padroado da Fundación, que está composta unicamente por concelleiros do PP e CS. “Agora entendemos cal era a motivación de excluír a membros da oposición por primeira vez dende que o padroado o conforman concelleiros e concelleiras”, indica a voceira socialista. O actual goberno municipal alega para extinción da Fundación a súa prolongada inactividade, así como a imposibilidade de levar a cabo os seus fins. Unha situación que as socialistas denuncian que é froito da “incapacidade do grupo municipal para xestionar” e tildan como “escusas” o seu argumentario para a extinción.

A voceira socialista quixo lembrar tamén o traballo do que foi alcalde de Punxín, o socialista Vicente González, que co “seu traballo incansable”, conseguiu en 1989 que se modificaran os estatutos da Fundación Benigno Quiroga e incluíuse que o padroado o formarían os veciños e veciñas de Punxín, a través dos concelleiros, “xa que ata entón estaba formado por persoas alleas ao Concello”.

O 2 de novembro publicouse no DOG a extinción da Fundación Benigno Quiroga a petición do padroado, unha nova que segundo manifestan dende o Grupo Municipal Socialista “pillounos por sorpresa”. Denuncian tamén que unha vez analizada a información, “os motivos que alegan non teñen consistencia algunha”, xa que na documentación segundo apunta a Peleteiro, “atopamos unha falta total de coherencia e unha chea de contradicións”.

As socialistas piden que que se inclúa na orde do día do pleno extraordinario tres puntos de acordo que consideran “prioritarios” para o seu debate. Piden a reprobación da actuación do padroado da Fundación; a interposición dun recurso de reposición segundo a orde do 23 de outubro de 2020; e a solicitude por parte do Concello de Punxín, ao protectorado da Fundación, da cesión a título gratuíto dos bens e dereitos da Fundación Benigno Quiroga.