O Centro de Estudios Chamoso Lamas,continuando coa iniciativa da posta en valor do patrimonio histórico do Carballiño, organiza para este domingo 15 de xaneiro un novo roteiro no que o historiador Carlos Montes explicará a configuración urbana da vila carballiñesa a partir do século XVIII.Trátase de proseguir co traballo de investigación sobre as orixes do Carballiño, que xa foi obxecto dun roteiro celebrado o pasado mes de setembro e que nesta ocasión vaise ampliar para dar a coñecer algunas das edificacións máis significativas e emblemáticas da vila, así como dos seus moradores.
O roteiro, que comezará ás 11,30 h no Asilo e se prolongará durante unhas dúas horas, proseguirá pola Rúa Principal e rematará na Praza Maior tras percorrer diversas rúas e prazas do casco urbano carballiñés. O pasado ano o Centro deEstudios Chamoso Lamas organizou tres roteiros, dous urbanos pola vila do Carballiño e outro nocturno aos petroglifos de Cangues, que contaron cunha gran asistencia de público, xa que superaron o centenar de persoas cada un. Trátase de actividades que forman parte do programa anual desenvolvido por este colectivo cultural e investigador, que celebrou un exitoso congreso no mes de outubro e que rematou o ano 2022 facendo entrega do galardón Torques de Honra ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense.
Para a próxima primavera, o Centro de Estudios Chamoso Lamas ten previsto publicar as actas dos dous últimoscongresos, con case cincuenta traballos de investigación e divulgación sobre diferentes aspectos históricos, arqueolóxicos, educativos, arquitectónicos e culturais das comarcas do Carballiño e do Ribeiro.