O Grupo Socialista sitúa o caso da residencia de Salvaterra como exemplo de abandono

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, puxo hoxe o caso da residencia de maiores de Salvaterra como exemplo da “irresponsabilidade” da Xunta, que desatendeu o cumprimento da normativa nestes centros. Ortega presentou unha interpelación á conselleira de Política Social para reclamar un protocolo de evacuación dos positivos de coronavirus como primeira medida para evitar a elevada mortalidade nestes centros cando hai 57 afectados neste momento.

Ortega presentou no Pleno do Parlamento o caso coñecido esta semana da residencia de Salvaterra de Miño, logo de ser intervida pola Xunta de Galicia o pasado 27 de outubro, coa publicación en medios de situacións nas que “a palabra horror quédase corta”. Apuntou ás testemuñas gráficas das consecuencias graves da falla de hixiene e “absoluto abandono” dos usuarios, así como o “estado lamentable das instalacións”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Criticou que “logo de levar 15 días intervida foron comprar os colchóns novos onte e hoxe vimos imaxes na televisión de como os repoñían”. Advertiu que “esta non pode ser a súa liña de acción, non poden deixar sen recoñecer os erros e vir cun semblante de aparente normalidade cando todo se desmadra”.

Sinalou que as imaxes da residencia “amosan os extremos aos que se chega cando existen falla de recursos, falla de persoal e neglixencia contra a propia normativa”, sinaladamente naquela residencia. Salvaterra, lembrou, era intervida pola Xunta a finais do pasado mes co compromiso de facer seguimento médico permanente sobre a situación dos residentes e de vixiar a correcta aplicación das medidas de prevención, seguridade e hixiene da Xunta fronte á covid – 19.

A parlamentaria socialista puxo en dúbida a veracidade da información trasladada pola Xunta, por canto “suceden este tipo de cousas pero o goberno galego continúa asegurando que ten tódolos centros residenciais tutelados”.

Traballadoras

Ortega esixiulle á conselleira que “aclare se as traballadoras da Xunta avisaron da situación a día 30 e sucesivos fronte á xefatura territorial e, se así o fixeron, por que tiveron que denunciar por escrito a situación fai uns días facéndoo público a través dos medios de comunicación”. Chamou á “cautela pero tamén á vixilancia” desta situación logo de que a conselleira sinalara que “todas as residencias de Galicia están baixo a tutela da Xunta e o estrito control das autoridades sanitarias”.

A responsable socialista denunciou o desinterese da Xunta fronte á situación destas residencias denunciada “dende anos atrás” polas propias familias, que derivaron nun “informe demoledor” do Consello de Contas alertando de incumprimentos nas ratios de persoal, nos recursos, ou nos pregos de contratación”. En lugar de preocuparse, dixo, reduciron as inspeccións de 418 a só 250 entre 2011 e 2019, mentres o número de prazas aumentaba.

Criticou que o PP rexeitara en setembro constituír unha Comisión de Investigación no Parlamento de Galicia sinalando había un 1 por cento de contaxios nas residencias, que hoxe xa aumenta ao 22 por cento dos centros de maiores afectados, e estes centros de maiores rexistraron case a metade dos maiores falecidos. Criticou a “irresponsabilidade na propia incapacidade da Consellería para interesarse na evolución dos datos da súa responsabilidade”.

Intervir as residencias

A responsable socialista reclamoulle á Xunta que cambie os protocolos de actuación nas residencias para evacuar a tódolos positivos detectados, tanto os que necesitan hospitalización coma os que non como principal vía para “evitar os contaxios abruptos e masivos”. Propuxo empregar os centros intermedios para albergar estas evacuacións, e criticou que tanto na primeira onda coma nesta segunda renunciaran a ocupar nin a metade da capacidade destas instalacións.

Sinalou que “os propios expertos na materia indican que a clave está na evacuación inmediata dos positivos” como principal vía de “cortar de raíz os contaxios masivos que teñen consecuencias dramáticas”. Considera ademais “vital mellorar os tempos de reacción”, así como iniciar xa “a ansiada coordinación socio sanitaria”.

Ortega reclamoulle ao goberno galego que “tomen en serio os rastrexos e reforcen a atención primaria” e “incrementen a protección das traballadoras e escóitenas”. Concluíu reclamando que “atendamos ao urxente, porque o seguinte será mudar non só o modelo residencial, senón o modelo de atención aos nosos maiores porque temos unha débeda moral con eles”.