O BNG de Castrelo de Miño, alerta sobre a problemática que pode ocasionar a adhesión ao convenio “Doing Business” que ten a Xunta da Galiza coa FEGAMP.
Este convenio xa foi valorado polos anteriores gobernos do BNG non sendo idóneo para o concello de Castrelo de Miño. As rebaixas no IBI, IAE e ICIO que se aprobaron no último pleno cos votos do PP e Tránsfugas, poden baixar os ingresos do concello ata nun 95% a través dos impostos que se recada a Naturgy e Red Eléctrica (Grandes empresas que tributan aquí).
Estas recadacións de impostos ascenden a case 200 mil euros ao ano. Se estas empresas se acollen a estas rebaixas, o concello sufrirá un serio problema de caída de ingresos, repercutindo directamente nos investimentos e servizos que presta á veciñanza.
A maiores, dito convenio favorece a explotación mineira. En Castrelo de Miño existen diferentes cuadrículas mineiras, cuxa explotación é incompatíbel cos nosos viñedos da denominación de orixe do Ribeiro. Xa se acordou por unanimidade de todos os grupos políticos nun pleno do 2012 a paralización de expedientes de explotación mineira no noso municipio.
Dende o BNG vemos con bos ollos que se lle rebaixen impostos a empresas de nova creación, ou que amplíen servizos en Castrelo de Miño, fomentando a creación de emprego e o asentamento da poboación. Non obstante, débese facer directamente dende o concello, sen a adhesión ao convenio da Xunta e FEGAMP.