Alberto Núñez Feijóo, investido coma presidente da Xunta de Galicia

O líder do Partido Popular Galego, Alberto Núñez Feijóo, quedou investido esta tarde como presidente da Xunta por cuarta vez cos votos a favor da maioría absoluta que lle outorgaron as urnas no mes de xullo. A súa formación conta con 42 dos 75 escanos do hemiciclo galego. A postura negativa será a dos 19 parlamentarios do BNG e os 14 deputados socialistas.

Publicidade

A pandemia marcou o discurso de investidura, que se iniciou o martes día 1 de setembro que poñía fin onte pola tarde. Feijóo tendeulle a man á oposición para chegar a acordos, destacando que sería un mal comezo non conseguir andar cara o mesmo lado nunha situación de pandemia. Feijóo na súa quenda de réplica defendeu os datos da pandemia e a xestión da crise feita en comparación ca media do Estado.

Gonzálo Caballero pediulle ó líder popular na súa intervención que goberne e apuntou que a situación actual esixe políticas adaptadas para solventar a crise, criticando as políticas de recortes.

A líder nacionalista foi crítica no seu discurso, facendo unha listaxe das promesas feitas polo Partido Popular e que, dende o BNG, consideran que non se cumpriron. Ademais, pediulle “poñerse as pilas e non improvisar” e mostrou a súa disposición a colaborar co goberno.

O seguinte paso trala votación será que o xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, comunique ó rei Felipe VI de xeito telemático, a elección do mandatario autonómico. O sábado Feijóo tomará posesión do seu cargo na Cámara autonómica. Nesta ocasión non haberá acto civil no Obradoiro de Santiago de Compostela.