O BNG de Ramirás ausentouse do pleno en protesta polo desasisado goberno de Isabel Gil

O concelleiro nacionalista, Marcos Meléndez, advirte que a alcaldesa abandonou un mes a xestión municipal e non designou substituta.

Ramirás, 20 de novembro de 2020.- O BNG de Ramirás non participou no pleno extraordinario deste mércores, 18 de novembro, en sinal de protesta pola “insensata e irresponsábel” xestión que está a facer a alcaldesa, Isabel Gil (PSOE).

AVANTAR ACTIVIDADES

A asemblea nacionalista local tomou esta decisión despois de que Gil tivera convocado e desconvocado en outubro un pleno, tamén con carácter extraordinario, en menos dunha semana; porque durante as últimas semanas desde aquela suspensión a alcaldesa desapareceu da vida municipal sen ter designado substituta ningunha o que, na práctica, supuxo a paralización de determinados servizos; e porque xa en novembro ordenou un pleno extraordinario -volvendo eludir a convocatoria mensual ordinaria- para tratar só os asuntos que a ela lle interesan.

“Non imos avalar unha actuación coma esta”, explica Marcos Meléndez, portavoz do BNG, “Isabel Gil fai o que lle peta, cando quere ou cando non quere, sen contar cos grupos e, polo que parece, nin cos seus propios concelleiros, sen respectar os acordos plenarios”.

“Ten a vida municipal paralizada, cun problema de contaminación da auga por arsénico sen atallar e cun gasto disparado en transporte de auga en cisternas desde Ourense”, sinala Meléndez, e lembra que o BNG arrancou, co apoio do PP, un acordo plenario en setembro -a última sesión ordinaria que convocou a alcaldesa até a data- para desenvolver un pleno extraordinario monográfico sobre a cuestión dos elevados niveis de arsénico na auga para consumo humano.
Dous meses despois, nin a alcaldesa fixo caso do acordo plenario e eludiu a convocatoria dos plenos ordinarios de outubro e, até hoxe, novembro, nin o PP fixo facer o seu número de concelleiros para forzar a convocatoria tal e como se comprometeu en setembro.

“Parece que o PP tampouco ten un interese real en afrontar a cuestión da auga, e o único que fixo até agora foi repetir as mocións presentadas polo BNG, que puxemos o traballo de consultar expedientes, facturas e facer números para demostrar o disparate da xestión de Gil e o que nós está custando ás veciñas e veciños”, conclúe Meléndez, e advirte que o BNG non deixará de pedir contas a Gil pola xestión do servizo de augas nin das súas ausencias “desde dentro e desde fóra dos órganos municipais que goberna de maneira caprichosa e irresponsábel”.