Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con David Martínez Alonso (Presidente da Asociación de Empresarios de Ourense. ATA - Ourense) acompañado de Xurxo Méndez Pérez (Tecnico e colaborador de ATA - Ourense)

Tecnoloxía ourensá para o rastreo do COVID-19. Esta é a iniciativa do informático e empresario ourensán Xurxo Méndez, quen hoxe, xunto ao presidente da Asociación Empresarial de profesionais Autónomos de Ourense, David Martínez, lle presentaron ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a plataforma informática “ScanForSafe”, que favorece o rastrexo de posibles casos COVID-19 e permite o rexistro de entrada automático en establecementos públicos e privados. 

Baltar confirmou que a Deputación “adquirirá esta ferramenta informática para os centros dependentes da institución, como experiencia piloto, para posteriormente, comprobada a eficacia, asinar un acordo coa Asociación de Autónomos de Ourense e axudar a que os establecementos da provincia podan instalala, e destaca que desde o inicio da pandemia “a Deputación de Ourense está a colaborar e implementar medidas e procedementos para facer fronte á pandemia do coronavirus, e as tecnoloxías aplicadas a este ámbito forman parte tamén da estratexia do goberno provincial para cooperar sanitaria, social e economicamente nesta cuestión”, expresa Baltar.  

O funcionamento desta tecnoloxía consiste en que o usuario ten que introducir os seus datos co móbil a través do escaneo dun código QR e automaticamente queda rexistrada a súa entrada no establecemento. Desta maneira, un panel de seguimento web facilita aos rastreadores a posterior localización das persoas que puidesen estar en contacto nun determinado establecemento e tempo, cunha localización instantánea, permitindo facilitar así o seguimento e a localización en caso dun posible contaxio de COVID-19.  

O sistema dispón dunha aplicación móbil que axiliza o proceso, de maneira que o usuario só ten que rexistrar os seus datos unha soa vez e posteriormente pasar o seu móbil polo código QR de cada establecemento. Á súa vez, o proceso evita que o usuario teña que tocar calquera elemento común para o seu rexistro. Todo iso coa correspondente aplicación da LOPD para a protección de datos dos usuarios.