Gonzalo Caballero esixe a Feijóo que aclare se tenta “purgar” ao xinecólogo de verín tralas protestas que frearon o peche do paridoiro da vila

O PSdeG requirirá explicacións no Parlamento pola apertura dun expediente disciplinario ao doutor Castrillo

Publicidade

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu hoxe a Feijóo que aclare os motivos da apertura dun expediente disciplinario ao doutor Castrillo, o xinecólogo comprometido co movemento ‘Verín no se pecha’ para frear a clausura do paridoiro desta vila ourensá.

De feito, xa avanzou que o Grupo Socialista levará esta cuestión ao Parlamento, para que a Xunta aclare se esta manobra é “un intento de purgar” a un profesional que discrepou publicamente das decisións do goberno galego.

“Sorprende moito que o Sergas decida agora expedientar a quen foi unha das caras visibles dunha protesta que obrigou a Xunta a rectificar no desmantelamento do hospital comarcal de Verín”, subliñou o líder do PSdeG.

E, tras amosar o seu “apoio” a quen é o xefe do servizo de xinecoloxía de Verín, Gonzalo Caballero reclamou a Feijóo que se comprometa “decididamente” co mantemento do servizos nos hospitais comarcais e co necesario reforzamento da atención primaria na sanidade pública.