O Delegado Territorial da Xunta en e a Secretaria Xeral da Igualdade inauguran a exposición ‘artenon’

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López  Abella, inauguraron esta mañá a exposición ArteNON na Biblioteca Pública Nós; unha mostra que reúne a visión de 12 ilustradoras sobre a loita contra a violencia de xénero e aspira a xerar conciencia entre a cidadanía. Esta exposición, aberta ata o 14 de novembro na biblioteca, e que posteriormente se desprazará ao Complexo Hospitalario de Ourense ata finais de mes, foi concibida polas súas creadoras como un instrumento de loita contra a violencia de xénero; unha lacra -segundo Gabriel Alén- que hai que erradicar.

Trátase dunha mostra que reúne a visión de 12 ilustradoras sobre a loita contra a violencia de xénero e aspira a xerar conciencia entre a cidadanía. A iniciativa, que percorrerá nesta primeira etapa as sete principais cidades galegas amosa o emprego da arte como instrumento de loita pola igualdade.

AVANTAR ACTIVIDADES

Susana López  Abella destacou que con iniciativas como esta, a Xunta “pretende contribuír á concienciación de toda a sociedade contra a violencia de xénero nas súas múltiples formas e manifestacións”. “As artistas, de diferentes idades e experiencias, empregan a arte como instrumento de loita pola igualdade de xénero e como símbolo de empoderamento feminino contra as agresións machistas”, remarcou.

Pola súa banda, Gabriel Alén quixo subliñar o traballo que a Xunta está a focalizar no eido da educación, unha das medidas “máis relevantes, efectivas e necesarias” para chegar ás persoas mozas e a toda a poboación, afirmou. O Goberno galego segue a previr e sensibilizar, para visibilizar e crear conciencia social, para dicirlle “non” á violencia de xénero.

Doce ilustradoras

A exposición xira arredor da conceptualización da violencia de xénero, para xerar unha mirada crítica e intransixente ao respecto.

Doce artistas colaboradoras protagonizan cadanseus tótems nos que interpretan a súa visión na loita contra a violencia de xénero. Trátase de Andrea López, Candela Piñeiro, Alicia Suárez, Julia Gema, Eva Carballeira, Aurora Cascudo, Paula Cheshire, Paula Mayor, Abi Castillo, Idoia de Luxán, Lara Torres e Laura Tova.